Fernando Estévez: «A aposta pola investigación non pode ser algo illado no tempo, ten que durar»

borja casal SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Grazas á intelixencia artificial, sobre a que investiga Estévez, é posible predicir as necesidades de osíxeno dos pacientes coa covid
Grazas á intelixencia artificial, sobre a que investiga Estévez, é posible predicir as necesidades de osíxeno dos pacientes coa covid Sandra Alonso

O investigador traballa na aprendizaxe dos dispositivos e vai ir investigar a Londres grazas a unha bolsa

13 dic 2020 . Actualizado a las 11:58 h.

Apostar pola investigación non pode ser cousa do futuro. Os retos que enfronta a sociedade, cunha pandemia que vén de acelerar todo tipo de cambios tecnolóxicos, precisan solucións que non se fagan esperar. Con esa idea traballan no Citius (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC), onde Fernando Estévez (Verín, 1995) desenvolve a súa investigación en intelixencia artificial e pola que acaba de gañar unha bolsa de ECAI para formarse no prestixioso Imperial College de Londres.

-A investigación non para. Que suporá a estancia no Reino Unido?

-Serán uns meses nun centro especializado en ciencia e enxeñaría. Eu vou a un grupo moi potente que é un laboratorio de robótica persoal e alí vou probar os métodos do Citius nos seus robots. Para eles tamén será interesante porque supón compartir coñecemento entre ambas partes.

-E todo grazas a esa bolsa que vén de gañar polo seu traballo.

-É un premio que me deron na última edición de ECAI, un dos principais congresos de intelixencia artificial no mundo. Este ano coordinouse desde Santiago e fun premiado por un traballo sobre aprendizaxe multidispositivo, que é sobre o que investigo.

-En que consiste?

-Nós traballamos, por exemplo, no recoñecemento da actividade humana no móbil, que está moi ben para práctica deportiva ou atención médica porque podes detectar cando alguén se move ou cando cae algún ancián. Os dispositivos aprenden capturando datos do entorno cos seus sensores, pero logo hai que transformalos en coñecemento a través da aprendizaxe automática, que é a rama da intelixencia artificial na que nos centramos nós.

-Que dificultades implica?

-Un dos problemas é a violación da privacidade dixital. Igual que nos gusta que se nos respecte na casa ou no traballo, debería suceder o mesmo na rede. A forma habitual de aprender destes dispositivos é enviar datos a Internet e facer aí, na nube, o proceso de extracción do coñecemento para obter modelos de aprendizaxe. O problema é que aí podemos estar enviando o DNI, o noso enderezo, imaxes ou vídeos.

-Cada vez hai máis lexislación para protexer eses datos persoais.

-O aspecto ético é algo importante para nós. Europa ten unha visión da IA máis centrada nas persoas, mentres que noutros países está máis enfocada nas empresas ou nos intereses dos gobernos. Nós tratamos de que o modelo de aprendizaxe quede no dispositivo. Non vai ser un supermodelo, pero aprendemos modelos pequeniños cos que se pode protexer a información privada.

-Moito se fala da intelixencia artificial, pero que aplicacións prácticas ten neste momento?

-Agora mesmo, nun contexto como o actual, a aprendizaxe automática xa se está utilizando en hospitais para predicir as necesidades de osíxeno dos pacientes con covid. Aí o que interesa é obter e compartir un modelo de aprendizaxe común a partir dos historiais dos pacientes, pero eses datos son privados e non se poden difundir, así que hai que usar tecnoloxías como as nosas.

-Eses avances gañan peso.

-Hai uns anos non existía nada diso. Nós comezamos con este tipo de aprendizaxe no 2016, ao tempo que Google, e agora España presentou a súa Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial, dotada con 600 millóns de euros. Pero por outro lado hai moito escape de coñecemento, sobre todo no noso ámbito, onde moita xente marcha para o sector privado porque está mellor pagada

-A pandemia puxo sobre a mesa a importancia da investigación.

-Parece que se vai aumentar o gasto público, pero a aposta pola investigación non pode ser algo illado no tempo, ten que durar. Se non se mantén ao longo dos anos, non facemos nada. Nós celebramos que se aumente o investimento, porque non só é bo para nós. Beneficia a todo o mundo porque a ciencia e o I+D+i en xeral fan máis fácil a vida da xente.