Ricardo Rivas, ourive: «O noso traballo é a artesanía por excelencia de Santiago, a máis antiga»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

xoan a. soler

Recibiu o premio de artesanía de Galicia pola súa traxectoria, cando vai facer 50 anos de profesión e exerce tamén como mestre do acibeche

04 ene 2021 . Actualizado a las 23:31 h.

O ourive Ricardo Rivas Casal recolleu o día 29 o premio de artesanía de Galicia, promovido pola Xunta «pola súa destacada traxectoria profesional e divulgativa da ourivaría compostelá. Trátase dun premio outorgado polo propio sector», a proposta da asociación Ourives de Compostela, segundo se salientou no acto. «Para min este premio é un orgullo e unha satisfacción, porque mo deron sen me presentar. Estou próximo a facer 50 anos de profesión, porque comecei moi novo, e interesa recibir estes recoñecementos en vida», manifestaba onte Ricardo na praza de abastos, onde dinamizou un obradoiro co seu traballo.

-Como valora estes 50 anos?

-Comecei co meu pai, que era un excelente profesional, o mellor, aprendín moito del. Houbo de todo, con tempos de dificultade, como os actuais, aínda que sairemos deles, como se saíu doutros ben máis duros. A ourivería vai mudando. Estamos esperanzados nun futuro bo, porque os homes e as mulleres desde o principio dos tempos sempre se adornaron.

-Están satisfeitos da marca Ourives de Compostela?

-Si. Sirve para gañarmos visibilidade e ser apreciados. Primeiro a nivel local, pois penso que estamos un pouco esquecidos, que había máis demanda máis acibeche hai uns anos que agora e queremos recuperar o consumo, que a xente local obsequie cos nosos produtos, que son propios de Compostela desde hai mil anos. E que a xente que veña de fóra aprecie o noso traballo como a artesanía por excelencia de Santiago, a máis antiga e a máis representativa.

-Hai futuro para este oficio?

- Si. Hai varios exemplos de novos colegas nas rúas Bautizados, San Pedro e outras; podemos presumir de que o gremio de ouvires é moi representativo en Galicia e que teremos continuidade.

-Notan intrusismo agora?

- No seu día foi máis problemático, houbo falsificacións que se denunciaron e paramos a importación de produtos que se fabricaban fóra como de Santiago. Hoxe case todo o acibeche que se comercializa procede de Compostela e a súa comarca, feito cos estándares que garante a etiqueta de Ourives de Compostela para acrecentar o valor das pezas.

-Onte, no mercado de abastos comentou que antes había máis especialistas e menos maquinaria, como mudou iso?

-Antes había moita máis necesidade de persoal, era todo máis laborioso, e había máis encomenda de traballos eclesiásticos e civís, de obras espectaculares de moita importancia de ourivaría, que requirían de moitos especialistas. E todo se gravaba a man. Agora non se traballa así, excepto cousas especiais. Especialistas como gravador desaparecen. E o traballo con moitas pedras preciosas está tamén xa mecanizado. Determinados aspectos mudan a profesión.

-Foi docente de moitos cursos, como resultou esa experiencia?

-Comezamos a través da asociación a facer formación, con convenios coa Xunta, até o ano 2005 ou 2006. Agora tentamos recuperar esas dinámicas para formar e deixar canteira de xente nova que no futuro continúe cos nosos oficios e sexan quen de restaurar pezas de valor do patrimonio cultural e artístico.

-Ve interesante o ciclo que prevé ofrecer a Escola Mestre Mateo?

-Si, eu tamén me formei en Mestre Mateo, estudei repuxado de metais e xoiería. Na asociación ofrecemos unha formación adicional, ao acollermos titulados para facer prácticas.

-Que espera deste ano santo?

-Está bastante complicado. A ver se salvamos o final de 2021 e o 2022. O importante é solucionar rápido a pandemia e que se recupere a normalidade e o turismo.

-Traballa na zona monumental, que recomenda para a súa recuperación, como se debe potenciar?

-Tería que vir un turismo que permanecese máis na cidade, de máis calidade e interesado no patrimonio cultural.

-Non o é xa?

-Moito turismo é só de paso, de estar pouco tempo aquí. Cando se vai a Roma, poñamos por caso, a xente leva unha idea de visitas de interese para realizar en varios días. Aquí, a maiores da Catedral e do Pórtico da Gloria, deberían acrecentar máis cousas e entre elas a ourivaría. Como acontece con Murano en Italia, Bohemia na República Checa, mesmo coa cerámica e outros produtos en Portugal. Terían que facer algo semellante aquí e estarmos máis presentes na zona monumental; porque promoven o turismo de Portugal na rúa do Vilar, e non hai unha representación da artesanía e do acibeche local nesa zona, aínda que fose nun museo da cidade.

-Que se debe potenciar con máis prioridade?

-Que a xente de aquí coñeza a historia do acibeche, que se saiba que é un produto tradicional, cultural, auténtico de Compostela; e que coñezan a profesionalidade do gremio. Iso é importante.

Maestros de la orfebrería hicieron demostraciones en el mercado de abastos y promueven una campaña 

Maestros de la artesanía de Compostela, como Ricardo Rivas, con Manuel Tojo, Julio Lado o Adonis Suárez realizaron tres sesiones de demostración de su trabajo en el mercado de abastos de Santiago, la última ayer. Ricardo Rivas mostró la talla de azabache; Adonis Suárez, la ejecución de una pulsera-brazalete en plata y azabache y la técnica tradicional de la filigrana; Julio Lado, procesos de cincelado en bandeja y botafumeiro de plata; y Manuel Tojo elaboró colgantes en plata y azabache con distintas técnicas.

Además, la asociación Ourives de Compostela y el Concello promueven la campaña Este Nadal agasalla deseño, en la que ofrecen bonos de descuento de hasta el 25 % para compras, y que finaliza el día 6. 

Ourives de Compostela colabora asimismo con la Xunta en otra campaña, Sinte o encanto, vive a lenda, en la que promueven la «auténtica ourivaría ancestral de Santiago» y promocionan la labor de plateros, azabacheros y orfebres como custodios y transmisores de un arte ancestral, que se remonta a la fundación de Santiago. Contribuyen a ofrecer así, con su trabajo, una proyección internacional de Compostela, como consecuencia del impulso artístico que ofreció la catedral para el crecimiento de la ciudad.