Pilar Liñares casou alí con Tony Rey, que fai mañá a ofrenda ao emigrante nas festas patronais
16 ago 2021 . Actualizado a las 21:37 h.Ordes non prescinde no programa das súas festas patronais dun acto que se mantén desde hai décadas: a homenaxe ao emigrante, cunha ofrenda floral no monumento que lle dedicou a vila e na misa. O matrimonio que forman Pilar Liñares e Antonio Rey son os distinguidos este ano.
Pilar lembra a súa marcha de Ardemil a Londres en 1970, sendo unha rapaza aínda menor de idade. Alí traballaba un irmán seu, que a animou a ir un ano e aprender inglés: foi e xa non volveu. Entre outros motivos, porque alí coñeceu e casou con Antonio Rey, natural do Concello de Outes, «xa lindando con Noia». E en Londres naceron os seus tres fillos e logo seis netos. Ela lembra que as circunstancias da emigración de entón eran moi diferentes ás de hoxe: «Nos anos 70 era máis difícil. Hoxe todo o mundo fala inglés, e mesmo en Portobello Road escoitas moito español». Naqueles anos, cando Internet nin se soñaba, confesa que o illamento era grande: «Para falar cos meus pais tiña que chamar á taberna da aldea, primeiro para que os foran avisar e logo para falar con eles». Traballou no sector de servizos, chegando a ser encargada nunha firma de limpeza, e nunca perdeu o contacto con Ordes, a onde volve dúas veces ao ano e agora xa xubilada prolongando a estadía no verán. Tamén mantivo os vínculos coa cultura galega: ao igual que o seu home foi directiva do Centro Galego londiniense, onde os fillos -que saben todos falar galego- aprenderon a bailar, e o pequeno tamén a tocar a gaita.
Ser elixidos para facer a ofrenda foi unha sorpresa: «Estamos moi honrados de que nos escolleran». A única mágoa é que o fillo maior no chegará a tempo de participar no acto. O seu home lerá a ofrenda. El marchou con 10 anos a Huelva, e despois de volver a Galicia, aos 15 foise para Londres. Empezou na hostelería pero aos 18 anos atrapouno a música: Tony Rey foi cantante en grupos como Fuego vivo, recorrendo nas súas actuacións boa parte de Europa e Sudamérica. Tamén participou en formacións galegas como Nova Xuntanza, de Negreira, na que estivo tres anos; e como compositor, gañou no ano 2000 no Festival do Landro no apartado de mellor canción inédita.
Pasarrúas a partir das 11 horas nunha xornada con protagonismo para o humor
As festas patronais de Ordes continúan hoxe con protagonismo para a música pero tamén para o humor. Luis Zahera, Manuel Manquiña e Marta Doviro son os protagonistas do espectáculo cómico Galegos, esta tarde na alameda da localidade. Nese mesmo escenario terá lugar o concerto do grupo musical Os Piñeiros, nunhas actuacións que comezarán ás 20.45 horas e para as que se precisan invitacións, xa esgotadas. A xornada comeza ás 11 horas, cos pasarrúas a cargo das Pandereteiras de Ardevento, Sementes da Arte e Embruxo Gaiteiros. A misa na honra de Santa María será ás 12 horas.
Mañá, ás 13 horas misa de San Roque, e posterior ofrenda floral no monumento ao emigrante, coa Banda de Ordes; ofrecerá concerto ás 20 horas na alameda, onde logo actuarán Tania Veiras e Broken Peach. Nos pasarrúas, a partir das 11 horas, estarán A. C. Veciños de Leira, Camiño Real de Poulo e Embruxo Gaiteiros.