O BNG pide en Santiago recuperar o premio Ánxel Casal e unha estatua na súa honra

SANTIAGO

Insta a loitar polas obras do Mestre Mateo que teñen os Franco
19 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O BNG de Santiago organizou na Praza do Toural un acto en lembranza do alcalde nacionalista Ánxel Casal, asasinado hai 85 anos, e das vítimas da represión franquista. Contou coas intervencións de Goretti Sanmartín, Navia Rivas e Carlos Babío, así como Os Enxebres de San Lázaro na parte musical. Sanmartín destacou a figura de Casal, na política e na cultura. A portavoz municipal nacionalista anunciou que demandará no pleno a recuperación do premio literario Ánxel Casal, dirixido a estudantes e que se interrumpiu no ano 2011, e aludiu á falta dunha estatua ou monumento adicado á súa figura.
Tamén reprochou que a comisión da memoria, creada en Santiago por iniciativa plenaria do BNG, non desenvolva de xeito real a súa actividade, como sería unha política pública de memoria que recoñecese a vítimas do franquismo Consuelo Otero Rial, para quen solicita unha rúa en Compostela.
Doutra banda, reclama a presentación polo Estado dunha nova demanda para recuperar as estatuas do Mestre Mateo en posesión dos Franco, e que a Lei de Memoria Democrática inclúa esclarecer a verdade do asasinato de Casal e o seu recoñecemento.
Nesa liña, Babío dixo que «non hai posibilidades de avanzar nun futuro con garantías democráticas firmes se non hai normalidade co noso pasado, pois as políticas que presidiron o Estado español están baseadas na amnesia».
Pola súa banda, Teo homenaxea hoxe a Casal -20 horas, na AC-841 fronte a Los Robles- e a todos represaliados do concello.