O CGAC, fiestra da arte contemporánea con máis de dez exposicións este ano

M. G. Iglesias SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Vinte mil persoas percorreron as salas do museo compostelán ata xullo

21 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Moi preto da entrada principal do Camiño ao casco histórico compostelán, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) reforza nos últimos anos o seu papel como un centro de referencia no ámbito artístico galego. Este ano programou once propostas expositivas, que permiten coñecer a artistas consolidados, pero tamén a aqueles que están nos pasos iniciais, tanto galegos como a nivel estatal e internacional. Deste xeito, serve de porta de entrada a Galicia para creadores doutros puntos que con anterioridade nunca foran obxecto de mostras individuais -o museo acolle a primeira retrospectiva do arxentino David Lamelas en España e a principios de ano reuniu por primeira vez a obra da estadounidense Pauline Oliveros, pioneira da música electrónica-, pero tamén como escaparate para a produción galega, como foi o caso da mostra que conmemorou o 30 aniversario da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Ademais, nas adquisicións para a colección tamén teñen un importante peso os traballos de creadores do país.

Polas seis exposicións que se inauguraron neste 2021 e pola de La Ribot e Antón Patiño que ocupaban as salas en xaneiro pasaron ata o mes de xullo un total de 20.164 persoas, segundo dos datos facilitados pola Consellería de Cultura. Desde o departamento da Xunta resaltan, ademais, como o CGAC se está consolidando como unha destacada ferramenta didáctica xa que ao longo deste 2021 achegou a arte contemporánea a máis de 2.000 estudantes de diferentes centros da comunidade con actividades tanto presenciais como en liña. Uns datos que reforzan o seu papel de divulgador da creatividade contemporánea.

Despois de inaugurar no primeiro trimestre as mostras Breaking the monument, Pauline Oliveros. Retrospectiva, Cultivar incertezas e Pilar Albarracín. Accións peregrinas, as salas do edificio deseñado por Siza acollen na actualidade Camiños, Carles Fontserè e Camilo José Cela. Nueva York Amarga e David Lamelas. Lonxe, América. No último trimestre chegarán outras catro propostas: a segunda parte de Camiños; unha selección de debuxos, esculturas e fotografías do británico Hamish Fulton; unha exposición vinculado ao Encuentro Nacional de Diseño que se celebrará no propio museo compostelán entre o 14 e o 16 de outubro e unha mostra de Carla Carvajal que xira en torno á imaxe.

Pero o CGAC non se quedará só na zona de Bonaval. A súa colección, que xa supera as 1.200 pezas, viaxará en outubro ao Museo do Mar de Galicia (Vigo) e en novembro ao Centro Marcos Valcárcel (Ourense). Serán dúas mostras que recollen unha escolma de artistas galegos. Estas dúas exposicións forman parte, segundo destacan desde a Xunta de Galicia, dun proxecto comisariado por Sara Donoso para visibilizar a importancia da colección do CGAC como a máis importante colección pública de Galicia e unha das máis relevantes de España.

O museo sumou no 2021 preto de corenta novas pezas á colección permanente

O CGAC é máis que exposicións: é o patrimonio que atesoura. Del forman parte máis de 1.200 pezas tanto de artistas nacionais como internacionais que desde 1995 foi reunindo despois de adquisicións e doazóns. Ademais, o museo alberga fondos dalgunhas coleccións da Xunta de Galicia e da colección Carlos Areán. Neste 2021, a Xunta investiu 200.000 euros para incorporar 22 obras á colección do CGAC. Trátase de creacións de Ángela de la Cruz, Christian Villamide, Carole Alfarah, Francesc Torres, Amaya González Reyes, María María Acha-Kutscher, Marinella Senatore, La Ribot, Xurxo Gómez-Chao, Xosé Luis Seara, Jesús Madriñán, Kiko Pérez, Manal Aldowayan, Julia Huete e Montserrat Soto. En canto ás doazóns, desde a Consellería de Cultura salientan un conxunto de seis obras de Francesc Torres, cunha valoración que se achega ao medio millón de euros, e outras nove de Ángela de la Cruz, Patrick Hamilton, Christian Villamide, Jesús Madriñán, Carole Alfarah, Luciana Lamothe e Santiago Yáñez.

Biblioteca con 25.000 títulos

A colección de pezas non é único elemento destacable do CGAC. Tamén ofrece a persoas investigadoras, estudantes e público xeral consultar a súa colección bibliográfica especializada en arte e cultura contemporánea. Trátase dun fondo documental con máis de 25.000 títulos. Hai catálogos, monografías de artistas, libros de historia, revistas especializadas e material audiovisual, entre outros.

Nese senso, tamén hai que destacar a aposta do centro pola creación ensaística en lingua galega, polo que puxo en marcha o premio CGAC Ensaio, que chegou este ano a cuarta edición.

as exposicións que poden visitarse na actualidade

PACO RODRÍGUEZ

O libro inconcluso de Cela con fotos de Fontserè

O andar baixo do CGAC permite mergullarse no libro incluso de Camilo José Cela «Nueva York Amarga». Sobre as súas paredes despréganse os 28 capítulos que o escritor deseñara para a publicación, pero só hai o texto de tres deles, porque nunca chegou a escribir o resto. O que si están son as imaxes que Carles Fontserè lle enviou para incluír nese traballo. Imaxe e literatura da man.

PACO RODRÍGUEZ

«Camiños», unha peregrinación con obras de 20 artistas

Camiñar, andar, pasear, a vivencia do camiño, da peregrinación. Ese é o fío condutor da exposición «Camiños», que abriu as súas portas en xuño e poderá visitarse ata finais de setembro. Conta con pezas dunha vintena de artistas e tamén amosan o legado que o CGAC foi construíndo sobre a cidade e o Camiño. Haberá unha segunda parte en outubro.

PACO RODRÍGUEZ

Un percorrido pola traxectoria de David Lamelas

O arxentino David Lamelas é o protagonista da última exposición que se inaugurou no CGAC. Trátase da súa primeira retrospectiva en España e inclúe unha selección de obras que abranguen desde 1962 ata a actualidade abordando as diferentes facetas e técnicas do creador: cinema, vídeo, debuxo, pintura, instalación e fografía, entre outros.

Visitas guiadas de balde e máis dunha ducia de propostas para complementar as exposicións

No obxectivo de achegar a arte contemporánea á sociedade, o CGAC conta con visitas guiadas para as que non é preciso reserva previa. Cada domingo, ás 12.00 horas, realízanse percorridos polas exposicións da man de mediadoras especializadas en arte, cunha duración aproximada de 50 minutos, que permite coñecer as claves das obras e algunha curiosidade. Ademais, os primeiros sábados de cada mes hai visitas guiadas arredor da arquitectura e a historia do CGAC, afondando no deseño de Álvaro Siza e a súa relación con Bonaval e coa cidade. Tamén comeza ás 12.00 horas e dura aproximadamente 50 minutos. Ademais, os sábados e domingos, ás 13.00 horas, é posible subir á terraza do edificio, previa solicitude na recepción.

Por outra banda, ademais do espazo expositivo, o CGAC desenvolve diferentes actividades formativas e divulgativas para todos os públicos, que en moitas ocasións complementan ás mostras que acollen. O programa deste ano inclúe máis dunha ducia de propostas, como os cursos «Vestindo a época: a moda, a oitava arte», «Arte na aula», «Historia da arquitectura» e «Eutopías: a procura do bo lugar no cine», entre outros. Tamén se desenvolveu un ciclo de proxeccións sobre Pauline Oliveros, un seminario en torno a Camilo José Cela e o uso da imaxe e un taller con Francesc Torres. Non faltaron tampouco as Xornadas de Música Contemporánea. Ademais, o público infantil ten o seu espazo nos obradoiros experimentais de arquitectura contemporánea con varias citas ao longo do curso.