Xosé Manuel Durán: «Precisamos humanizar a zona nova co modelo factible de Montero Ríos»

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

O presidente da Asociación de Veciños Raigame do Ensanche alerta da carestía dos alugueiros pola proliferación de pisos turísticos

12 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Manuel Durán preside dende 2015 a Asociación de Veciños Raigame do Ensanche compostelano. A súa folla de ruta mantén as reivindicacións para o barrio.

-Que precisa a zona?

- Hai varias rúas pendentes non só de reurbanizar senón de humanizar, como Santiago de Chile e Rosalía de Castro. Pero temos falado moitas veces da necesidade dun plan de actuación integral de cidade, non tanto de parches por barrios. Un plan de mobilidade e residencial para atraer residentes e que non se marchen á periferia. Precisamos humanizar as rúas da zona nova (que é como chamamos os da miña xeración ao Ensanche) co modelo de Montero Ríos, de preferencia peonil, sen bolardos e con plataforma única. É un modelo viable e factible.

-Que conlevaría a humanización?

-Se conseguiramos facer unha actuación dese tipo e involucrar á hostalaría e ao comercio a xente estaría encantada de pasear pola cidade. As cidades modernas fanse para as persoas. Pero hai que dar alternativas de mobilidade aos coches. Igual non poden ser todas as rúas así, e pódese facer en transversais como Alfredo Brañas, Xeneral Pardiñas, Fernando III ou Santiago de Chile, e por outras dirixir a quen cruza a cidade circulando pola zona nova. De nada serve o que se fixo no Nadal pasado: humanizar a machada algunhas rúas, poñendo unha valla e sen dar alternativa a moita xente. Sen unha campaña didáctica e sen alternativas, o que se consegue é que a xente se poña en contra.

-Como está a cuestión do aparcamento?

-É un tema recorrente. Temos unha sondaxe que identifica 13 aparcamentos arredor e dentro da zona nova, que están infrautilizados, salvo o da Rosa, porque as concesións sen un contrapeso público fan que os prezos sexan inviables para a gran maioría da xente, e algún non chega a un terzo de ocupación. Volvemos ao do inicio: falta un plan integral de mobilidade, e que dea unha volta seria ao sistema de transporte urbano. Doutra banda, necesitamos limitar a velocidade nas rúas; non sei se os pasos elevados serían a solución. E en moitos pasos de peóns falta visibilidade por estar a pé deles colectores de lixo. A preferencia peonil xa resolvería moitos destes problemas.

-Falaba de atraer residentes e tamén de evitar que marchen do barrio. É un risco actual?

-Os pisos turísticos provocan que pola falta de regulación de prezos os alugueiros se disparen, e a xente busca outras zonas da cidade para habitar. Estase botando a xente fóra, estamos quedando sen residentes de longa duración. Había que facer algún tipo de regulación e de incentivación a alugueiros de longa duración. Outro problema é o ocio nocturno; faltan alternativas ao ocio a base de alcohol. Non existe outro xeito de lecer para a xuventude como hai noutras cidades. Deberían actuar tamén os propietarios dos pisos, regulando que cando se repitan estas cousas nos seus pisos actúen. E a hostalaría.

-Como afectan as obras do Hórreo ao tráfico do Ensanche?

-Aparentemente de momento non hai problemas de tráfico. Están as retencións das rotondas do Hórreo e Galuresa pero parece que ten certa fluidez. A xente tomou en serio o de buscar alternativas ante as obras e cambiou as súas rutas, aínda que invista máis tempo en chegar ao punto que se dirixen. O que lamentamos é estas obras para solucionar un problema que non era noso, alguén meteu a zoca no deseño da pasarela da intermodal tendo que subir uns escalóns. Calquera que vía aquilo cando remataron as obras non lle collía na cabeza tal erro. Ninguén dou explicacións: non sabemos se estaba todo planificado ou foi un erro que agora se corrixe levantando o pavimento ao nivel da intermodal.

«O vello Peleteiro debe ser un dinamizador social e cultural»

-O vello Peleteiro e os seus usos están sempre na súa axenda.

-Nós criticamos os retrasos continuos nunha obra tan necesaria para o barrio. Nós esperamos que o que se faga no solar de Peleteiro sexa o que se perdeu na zona nova, que é a aula de cultura de Caixa Galicia na Carreira do Conde. Gustaríanos que as instalacións municipais nese solar sexan un punto de dinamización social e cultural, que entrara dentro da axenda cultural da cidade, cun programa anual. Axudaría a dinamizar a zona e dar alternativa de ocio sen ter que desprazarse sempre á zona vella. É recuperar o que había.

-Proxéctase alí un centro de día.

-É compatible co centro cultural, e de ser preciso, implicar a outras administracións para ampliar o espazo mínimo de cesión ao Concello de 900 metros cadrados máis a praza pública. Nesta última sempre defendemos que se puidera cubrir para albergar distintas actividades, e facer un espazo versátil que poida acoller actividades de conciliación familiar en vacacións, un outlet comercial de ser o caso, unha obra de teatro ou un concerto. Hai dous anos organizamos un concerto de Amancio Prada para celebrar o nacemento de Rosalía de Castro, e tivo que cedernos o párroco a igrexa de San Fernando. Reivindicamos tamén unha actuación urbanística e artística en torno á figura de Rosalía no seu lugar de nacemento, na Praza de Vigo, para facer del un punto visitable na cidade.

-No seu obxectivo de unir o barrio, que papel ten o programa de acompañamento a persoas maiores que están soas?

-Estamos orgullosos polo que contribúe a esa cohesión social tan necesaria. Naceu no confinamento como Axúdoche? e acadou 38 solicitudes. Agora é Acompáñote?, e contamos coa colaboración de Suso Sueiro, médico no Concepción Arenal e traballadoras sociais deste centro e de Vite, porque nos inspiramos na súa andaina. Temos 35 colaboradores, na súa maioría mulleres, dispostas a poñer parte do seu tempo en tarefas como irlles á farmacia ou á compra; conversar e acompañar a tomar un café; ou dar a confianza de que lles poden acudir a só dous portais de distancia. O reto agora é identificar a quen pode precisar esta axuda, porque temos visto que as persoas a solicitan moi tarde. Atendemos tres casos que contactaron con nós (no 607 947 795 e 605 458 347), pero hai moitos máis. Os veciños, comercios, farmacias e a parroquia poden axudarnos a dar con eles e que decidan se queren ser atendidos. En función dos casos, tamén desviamos aos servizos sociais ou sanitarios.