Paula Sande: «A economía prateada, de maiores de 55 anos, cada vez é máis relevante»

Joel Gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

xoan a. soler

«O noso obxectivo é un envellecemento activo con formación permanente», di a directora das Aulas Sénior de Galicia

04 oct 2021 . Actualizado a las 22:02 h.

A Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos, ou Aulas Sénior de Galicia (Ategal), inicia mañá outro curso, con actividades nas súas dependencias de Virxe da Cerca e en liña. Hai máis de 40 anos comezaron na cidade, coas denominadas aulas da terceira idade: «o noso obxectivo é favorecer un envellecemento activo con formación permanente para as persoas de máis de 55 anos», afirma a súa directora, Paula Sande. Recentemente participou no primeiro congreso de economía prateada, e celebraron o 1 de outubro, o día das persoas maiores.

-Por que «economía prateada»?

-É un sector en auxe, porque se refire á economía de maiores de 55 anos, cada vez máis relevante polo PIB que moven. No congreso, que se celebrou os días 22 e o 23, contei o que facemos, e interesou a representantes doutras comunidades como modelo.

-Que lles interesou máis?

-O perfil das persoas maiores mudou, non é o mesmo que hai 40 anos. Son un colectivo moi diverso. Moitos maiores de 55 anos gozan de independencia física e económica; teñen capacidade, tempo e ilusión para inquietudes e gustos; moitas están xubiladas e podían aínda traballar.

-Ten razón o ministro Escrivá en prolongar a idade laboral?

-Non se debe marxinar ás persoas pola idade; o ministro ten razón en que non se debe prescindir sen máis dese colectivo de maiores, que se deben adaptar os postos de traballo. Vimos o que aconteceu en Santiago hai uns anos, cando se obrigou a xubilar a especialistas do hospital aos 65 anos; agora non hai esa rixidez e vemos moitos deses profesionais, tamén profesores, que dan cursos e contan con eles como referentes; se estivesen mal non os chamaban.

-Acoden esas persoas a Ategal?

-Si, temos persoas que traballaron no hospital ou na USC, tamén entre os voluntariado que participa como docente nas nosas actividades de formación e ocio.

-Que actividades teñen este curso?

-Algunhas, como historia de Galicia, historia da arte, inglés, francés e outras continúan, porque teñen éxito todos os anos. E ofrecemos novos talleres, como xadrez ou coiro, tamén buscando máis alumnado masculino. A maiores de aulas presenciais temos un calendario da plataforma en liña, con actividades todas as semanas, como obradoiro de memoria, ou usos de telefonía móbel e novas tecnoloxías.

-Teñen demanda a distancia?

-Si, detectamos xente que quere facer cousas, din que tiveron a vida hipotecada ou parada pola pandemia e así podían facer actividades. E tamén somos radares, intermediarios, para conectar as persoas maiores con novos produtos e servizos.

-Como é iso?

-É o que coñecemos como Sénior Lab, un espazo para a innovación, que tamén interesou moito no congreso de economía prateada. Desde o 2013 favorecemos que persoas das nosas aulas proben novos produtos e servizos, que indiquen erros ou problemas e dificultades que encontran no seu uso, ou aspectos que se podan mellorar.

-Que produtos?

-Varios, desde aplicacións ou formularios da Xunta a reloxos intelixentes. Pertencemos ao clúster da saúde de Galicia, e probaremos agora unhas medias. En ocasións temos demanda de perfís concretos, como persoas que vivan soas ou en zonas rurais. Buscamos que se recompensen os coñecementos e o tempo dese alumnado que participa como usuario..

-De que maneira?

-Teñen vantaxes na matrícula de Ategal e tentamos unha especie de economía circular; por exemplo, quen proben as medias, que teñan desconto se as compran cando cheguen ao mercado, e outras semellantes.

-Que son as Aulas +Social?

-Un programa que temos coa Fundación laCaixa hai ano e medio, para definir o novo perfil de profesionais que van traballar con persoas maiores. E tamén nos preocupa a transición, como atender o alumnado que por fraxilidade física, cognitiva ou social nos ten que deixar, para non os abandonarmos; falamos moito coas súas familias para ver como os podemos axudar. Iso aínda non está finalizado.