
Un concerto do clavecinista italiano Enrico Baiano abre esta tarde as actuacións
08 oct 2021 . Actualizado a las 04:55 h.Os concertos da terceira edición do festival de Música Antiga e Barroca, Ateneo Barroco, comezan hoxe coa proposta do clavecinista Enrico Baiano (20.30 horas, Paraninfo da Universidade). O director artístico do festival, Víctor Carou, explica que cada ano buscan ofrecer novos alicientes.
-Terceiro edición, está xa asentado o festival?
-É un terceiro ano, que sempre é de consolidación. Cando unha oferta é estable, como a deste festival, o público comeza a estar detrás, pendente, porque xa agardan pola cita. Ademais, falamos dunha cidade que xa tivo outras iniciativas no campo da música antiga e barroca de moita relevancia. Entón, hai un público disposto a seguir descubrindo estas músicas e este período.
-Fala de descubrir, é suficientemente coñecida esta música? Xa se lle dá a relevancia que ten este período?
-Claramente, si. Isto cambiou moito desde os anos 80 coa revolución da interpretación con criterios historicistas das músicas antigas, tanto do Barroco como das anteriores, a do Renacemento e a medieval. Había unha preponderancia clara da música do século XIX e das primeiras décadas do XX; pero isto mudou, e agora a música antiga e barroca teñen un recoñecemento e unha difusión que está máis que consolidada. O que pasa é que ten un repertorio tan vasto, tan fermoso, tan interesante e con tantos autores por descubrir, que sempre hai novidades, estreas, novos xeitos de abordar a interpretación.
-Amplían o horizonte e chegan ao Renacemento e a época medieval, por que?
-O festival ten que cada ano ofrecer novos alicientes. O ano pasado foi unha edición moi francesa, e nesta ocasión pensamos darlle unha relevancia a partir do Camiño, en canto ao que significa a viaxe, a peregrinación, a emigración, o intercambio cultural, o diálogo entre culturas. É unha perspectiva ampla, ofrecendo puntos para a reflexión e para seguir descubrindo a música do Barroco e máis alá, porque tamén viaxamos ata a época medieval, porque para Santiago e Galicia o Barroco e a Idade Media foi un dos períodos de máis riqueza. O resto de Europa miraba cara nós.
-Queda esa mirada reflectida nos programas?
-Si. No programa do trobador francés Bernart de Ventadorn e tamén no de Resonet, un grupo moi inquedo, que nos vai ofrecer unha lectura distinta do que é a chacona, a peza musical máis difundida do Barroco, que sempre se interpretou como unha danza que viña de Sudamérica, pero eles van aportar datos de que Santiago xogou un papel fundamental no nacemento e na súa difusión.
-Este ano tamén ten especial protagonismo a voz.
-Si, é o instrumento que vai co artista a todas partes. É o instrumento que máis viaxa, que máis se move, e por iso ten ese protagonismo especial en tres dos catro concertos programados.
-Destaca a presenza da soprano checa Hana Blaziková.
-Si, é unha figura no mundo da música antiga. Ademais de cantante, toca a arpa. É unha soprano de moita proxección e é o seu primeiro concerto en Galicia. É un fito no noso festival.
-E o festival empeza esta noite con Enrico Baiano.
-É un dos grandes clavecinistas europeos, ten unha carreira moi consolidada e é un solista de primeirísimo nivel. Ofrecerá un programa baseado no máis extraordinario compositor para clave que dou a historia da música, como é Domenico Scarlatti. Iso contrástao con Haendel. Ambos disputaron un duelo musical en Roma.