O festival, que comeza o venres, reunirá a media ducia de formacións durante tres días
20 oct 2021 . Actualizado a las 04:50 h.Artistas que traballan sobre os sons clásicos e de raíz, o local, a cultura e a lingua propias, compoñendo músicas plenamente actuais que van desde o electrónico ao folk pasando polo pop, o rock ou o ambient. Ese é o denominador común da media ducia de propostas que conforman a primeira edición do festival Soa Bonaval, impulsado polo Museo do Pobo, e que se celebrará desde este venres ata o domingo.
O dúo EXVBA, formado por Elba Fernández e o compositor Xavi Font, estrearase como tal no festival este venres (20.00 horas) cun concerto pensado só para ser interpretado en directo e en espazos como o da igrexa de San Domingos de Bonaval. Trátase dunha obra inspirada nas músicas ancestrais, a polifonía do Renacemento e as tendencias de música contemporánea. Ao día seguinte chegará a cantautora asturiana Lorena Álvarez (13.00 horas, Igrexa de Bonaval) coa súa «Colección de canciones sencillas». Tamén nesa segunda xornada actuará o grupo pontevedrés Peña (20.00 horas). Xa o domingo será a quenda de Libredón, o proxecto musical do compostelán Denís Estévez (18.00 horas, Bonaval).
Non só haberá concertos, senón que o festival inclúe conversas cos artistas, neste caso co catalán Raül Refree, que está agora a traballar coa música tradicional galega (12.00 horas, ala sur do Museo). A conversa completarase coa actuación de Tralo-Valo, o dúo formado por Carme da Pontragha e Ariel Ninas. As actividades tamén recollen o itinerario sonoro Son[em]peza, que poderá facerse o venres (18.00 horas) e o sábado (11.30 e 16.30 horas). As entradas están á venda en Vivetix.
«O museo ten que ser un centro de activación cultural», asegurou o director do Museo do Pobo, Manuel Vilar, na presentación da iniciativa xunto ao secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, e a vicepresidenta do Padroado do Museo, Concha Losada. Pola súa banda, o director xeral de Cultura incidiu en que «un dos campos onde mellor se pode ver o cambio, hibridación e actualización dos formatos e dos códigos é na música» e expresou o seu desexo de que esta cita teña continuidade nos vindeiros anos.