Forma parte dos elencos de «Shock 1» e «Shock 2», que poden verse hoxe e mañá, respectivamente, en Santiago
15 ene 2022 . Actualizado a las 20:18 h.Hoxe e mañá • 19.30 horas • Auditorio de Galicia • 14 euros • «A doutrina do shock», de Naomi Klein, serve de inspiración para dous espectáculos dirixidos por Andrés Lima, que chegan hoxe e mañá ao Auditorio de Galicia. Esta tarde representarase «Shock 1», que se centra no golpe de estado de Pinochet en Chile seguido da Operación Cóndor en gran parte de América Latina; e mañá «Shock 2», que comeza nos anos 80, con Margaret Thatcher e Ronald Reagan. Sobre as táboas Natalia Hernández, Esteban Meloni, María Morales, Pacho Ochoa, Guillermo Toledo, Juan Vinuesa, Alba Flores e o galego Antonio Durán, «Morris». Este último resalta que é teatro documental, aínda que tamén ten momentos cómicos.
—En «Shock 1» métese na pel de Allende e Pinochet, e en «Shock 2», na de Carl Smith, Dick Cheney e Boris Yeltsin..., case nada...
—É teatro documental e colle dúas épocas da historia distintas, que teñen que ver coa historia da política neoliberal. No «Shock 1» nárrase o experimento que fixeran os Chicago Boys en América Latina, co golpe de Pinochet. No «Shock 2» é historia máis recente e vai de Ronald Reagan ata a guerra de Iraq. O que buscan é interpelar aos espectadores e que se vexan reflectidos dalgunha maneira na responsabilidade individual que temos como cidadáns e como partícipes, porque, ao final, somos partícipes todos. O máis interesante é remover a conciencia e interpelar ao espectador para facelo partícipe desa historia. Todo iso facendo espectáculo porque Andrés Lima non renuncia a iso. Ao marxe de contar a historia, ofrece un gran espectáculo. É un teatro moi directo, próximo. Transformámonos en minutos, incluso en segundos, dun personaxe a outro.
—Esa transformación en minutos, supón un reto maior para vostede como actor?
—No espectáculo mais que contar a historia persoal deles —co que te terías que meter na pel—, é contar o momento que se quere narrar de cada un. Por exemplo, de Pinochet é o encontro con Margaret Thatcher... Mais que entrar nas historias persoais, son historias corais que conforman os dous «Shock». Non te quedas tanto cos personaxes, como co que pasou en cada momento, desde as Torres Xemelgas ao encontro de Bush e Aznar en Texas ou a morte de Couso.
—Son dúas montaxes, en dous días consecutivos... O consello é ver os dous, non?
—Para min é importante ver os dous, pero pódense ver en distinto orde... En algúns lugares fixemos maratóns... Son independentes e linguaxes diferentes. En «Shock 1» a maior parte da xente que poidamos estar no teatro vainos provocar unha sensación nostálxica, hai vencedores e perdedores, bos e malos. No «Shock 2», que é a historia máis recente da nosa sociedade, xa non hai bos e malos, é unha borracheira entre a economía, a guerra, a política... Todos somos partícipes diso. Son dúas linguaxes distintas aínda que na forma de executar son moi parecidas, porque son pantallas de vídeo máis os personaxes, que van recreando cada situación. Unha é unha sensación máis épica, e na segunda é máis de que non hai saída, aínda que ao final é positivo.
—É teatro documental, iso supón un reto engadido?
—Si. Aquí fixéronse moitos talleres de investigación e aínda que ti constrúes a personaxe, tentas ser fiel á sensación que provocaba aquela noticia ou aquel acontecemento. Hai momentos tan dispares como a matanza de Chatila ou o concerto de Marta Sánchez no portaavións. Sempre intentamos esa parte de verdade porque é teatro, esa parte engadida de corazón que lle temos que poñer os actores. A nivel de interpretación é moi descarnado.
—Aínda que para moitos é coñecido polo seu traballo no eido audiovisual, sobre as táboas sempre estivo.
—Si, eu empecei sobre as táboas. Tiña ganas de ter unha experiencia forte en teatro e agora percorremos España con esta compañía de primeiros espadas e grandes persoas. Está sendo unha xira dura pero moi divertida.
—En que outros proxectos o veremos proximamente?
—Teño que estrear a segunda tempada de «Desaparecidos», e despois dúas películas, unha de Dani Guzmán e outra de Eduardo Casanova.