Judith Rey e Carlos Cabaleiro recompilan en «Re-encontros musicais» a biografía e anécdotas de antigos compoñentes
27 ene 2022 . Actualizado a las 04:55 h.Son parte dos máis de 170 anos de historia da Banda Municipal de Santiago e agora axudan a construír o relato de varias décadas a través das súas voces. Trátase de dezaoito músicos da formación que se xubilaron nos últimos tres decenios. Eles son os protagonistas de «Re-encontros musicais. Homenaxe aos músicos xubilados da BMSC (1993-2001)» (Edicións Fervenza), un libro escrito polos compoñentes da formación Judith Rey Iglesias e Carlos Cabaleiro López.
Este traballo tivo a súa orixe nunha homenaxe aos músicos xubilados da Banda de Santiago no 2018 e recolle vivencias, anécdotas e biografía dos músicos, así como fotografías. Onte o libro foi presentado no Auditorio de Galicia coa participación de parte dos homenaxeados, ademais dos autores e resto de compañeiros da formación, así como a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Rosón resaltou que a publicación fala de parte da historia da banda e agradeceu aos autores o traballo, así como aos músicos retirados a defensa que sempre fixeron da formación. Pola súa banda, García incidiu en que o libro «pretende ser unha homenaxe aos que tivestes conta da banda e que apostastes pola música, algo que non era fácil». Engadiu que, ademais de deixar constancia da historia, tamén ten a finalidade de achegar a música ás novas xeracións. En termos similares se pronunciou o director da Banda, David Fiuza, apuntando que o traballo «serve de fonte de inspiración para todos os que estamos aquí».
Judith Rey e Carlos Cabaleiro, que tiveron palabras de agradecemento, recollen a historia da banda a través dos músicos Jesús Constenla, Manuel Curros, Jesús Curros, Olimpio Carreira, Manuel Brea, Emilio Brun, Manuel Requeijo, Luis Castromil, Ricardo Fernández, Fernando Gontad, Enrique Melio, Cesáreo Pombo, Rafael Arosa, Guillermo Pérez, Daniel Sánchez, Albino Castro, Serafín Castro e Amador Santos.