A Academia Galega do Audiovisual recoñece así a súa traxectoria «comprometida coa reflexión, a creación, o feminismo e a nosa lingua»
21 feb 2022 . Actualizado a las 17:06 h.A cineasta, docente, xornalista e escritora Margarita Ledo é a galardoada este ano co Premio de Honra que outorga a Academia Galega do Audiovisual. Deste xeito, a entidade recoñece a súa «traxectoria comprometida coa reflexión, a creación, o feminismo e a nosa lingua», así como o feito de «recuperar voces e relatos da nosa historia recente a través das súas películas, desde unha posición independente e reivindicativa». Tamén lembran desde a Academia que Ledo é unha referencia no eido da cultura como xornalista, investigadora, poeta e escritora, ademais de impulsar a creación da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, así como contribuír a iniciativas como Numax e o Grupo de Estudos Audiovisuais.
Margarita Ledo recibirá o Premio de Honra Fernando Rey no marco da vixésima edición dos Mestre Mateo, que se celebrarán o vindeiro día 19 na Coruña. Deste xeito, subirase por segundo ano consecutivo ao escenario da gala do audiovisual galego despois de que o ano pasado recibise o galardón ao mellor documental por Nación.
O nome da gañadora do premio de honra este ano foi dado a coñecer no marco da recepción institucional por parte do consellelleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, a unha representación da xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual, encabezada por Álvaro Pérez Becerra.