Filoloxía acollerá hoxe unha conferencia de Francisco Rodríguez e un encontro musical con Najla Shami, Uxía Senlle e Sérgio Tannus
22 feb 2022 . Actualizado a las 04:50 h.Mañá cúmprense 185 anos do nacemento de Rosalía de Castro e para conmemoralo intensifícanse as actividades estes días. Máis de 110 establecementos de Santiago comezaron co reparto de pousavasos e marcapáxinas, con algúns restaurantes que xa ofrecen o «caldo de gloria».
As propostas polo Día de Rosalía chegan desde diversas institucións. A Facultade de Filoloxía acolle conferencias, música, recitais e obradoiros con entrada libre. Hoxe, ás 17.30 horas, Francisco Rodríguez impartirá a charla «Desvendar a persoa e a obra de Rosalía». Seguiralle, a partir das 19.00 horas, un encontro musical ao redor da escritora no que participarán Najla Shami, Uxía Senlle e Sérgio Tannus. Mañá mércores, Antía Otero ofrecerá un obradoiro de escrita e o profesor Fernando Cabo impartirá a charla «Rosalía Castro e os lugares». O peche será cun recital de estudantes e un encontro musical con Xoán Rubia.
En Padrón, hoxe haberá sesión de contacontos ilustrado dirixida a alumnado de educación infantil sobra a figura da autora de «Follas Novas». Nesta localidade tamén se pode ver a exposición do 50 aniversario da Casa de Rosalía. En Brión iniciaron onte as actividades cunha sesión de contacontos e mañá haberá outra a cargo de Pedro Brandariz. Un concerto de Xoán Eiriz o xoves pechará os actos.