A MICE comeza hoxe a sección oficial e tamén proxectará «A virxe roxa», de Marcos Nine
02 abr 2022 . Actualizado a las 19:54 h.A etnografía toma a pantalla grande durante esta semana en Santiago coa celebración da nova edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) organizada polo Museo do Pobo Galego. A proxección de «Cadernas de Olloboi», que recolle traballos audiovisuais feitos por adolescentes desde as escolas, abriu onte a programación do festival, que terá continuidade ata o sábado coa proxección de máis dunha trintena de filmes co traballo como principal fío condutor. As curtametraxes de Olloboi, que é o festival convidado nesta ocasión, tamén son as protagonistas de MICE Petís, a sección dirixida ao público escolar, que proseguirá ao longo da semana.
Hoxe, na segunda xornada, comezará a sección competitiva, que está conformada por catorce filmes, tres deles galegos. No Teatro Principal poderanse ver «Paraíso» e «El síndrome de los quietos» (18.30 horas). Máis tarde, chegará o primeiro filme galego en competición, «Resonancias do pasado», de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro, que tomaron como punto de partida as vellas películas que tiñan os veciños de Vilagarcía para reconstruír a vida do pobo dos anos 20 ata os 80 do pasado século. Será ás 20.00 horas, en Numax.
Hoxe tamén se inicia a sección Lindes, coa proxección do filme «A virxe roxa», que recolle a historia de Aurora Rodríguez Carballeira, que matou a tiros a súa propia filla, Hildegart. Tras a proxección haberá un coloquio co director do traballo, Marcos Nine (16.30 horas, Museo do Pobo).
A programación desta segunda xornada complétase coa sección Trazas, que corre a cargo do Cineclube de Compostela. «Este ciclo busca visualizar os traballos invisibles, os temas tabús normalmente apartados da cultura obreira a través dunha serie de propostas formais e tematicamente provocadoras», destacan desde o Cineclube. A primeira cita será ás 20.30 horas, no Teatro Principal, coa proxección de «Sobre algo diferente», de Vera Chytilová, que intercala as historias de dúas mulleres de trinta e poucos e afonda na integración no mercado laboral e o concepto do traballo como capital. Ata o sábado proxectaranse cinco filmes máis, destacando «O mar dos peixes», de Ferran Llagostera, que contará coa participación do propio director e que inclúe material inédito gravado no Gran Sol e Terranova.