Alá vai un ano

Ignacio Carballo González
Ignacio Carballo LA SEMANA POR DELANTE

SANTIAGO

24 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, festa do Apóstolo, haberá un ano da fotografía do Hostal con Felipe VI, Pedro Sánchez, Núñez Feijoo, Bugallo e varios altos cargos institucionais máis. Era a foto do Real Padroado, que se fixo de rogar demasiados anos, dende a celebrada no 2003, daquela encabezada por Juan Carlos I, José María Aznar, Manuel Fraga e o propio alcalde Bugallo. Esperábase moito do Padroado de hai un ano, que puxo sobre a mesa unha folla de ruta ata o ano 2032 con investimentos que suman 281 millóns de euros, e aínda que sabiamos que non había compromisos firmes de financiamento, nin sequera proxectos solidamente desenvolvidos, senón unhas liñas xerais de intervención na cidade —pouco máis que unha declaración de intencións—, pasados doce meses dá a sensación non tanto de tempo perdido, mais si de que hai moito por facer para concretar —e, sobre todo, financiar— proxectos. A cidade fía o cumprimento dos obxectivos do programa «Camiño de Compostela 2032» aos fondos Next Generation, que esixen un ritmo moi alto de execución, probablemente moito maior da capacidade da propia Administración compostelá para armar os proxectos e xestionalos ante Europa vía Madrid. Mentres o propio Consorcio sostén unha estrutura e unhas accións concretas pouco máis que de puro mantemento, porque os cartos interadministrativos non aumentan e non dan para máis, fortalecer a súa musculatura sería un bo comezo para que tan boas intencións, ou parte delas, non fiquen no tinteiro a dez anos vista.