Programa nove recitais ata finais de setembro
20 ago 2022 . Actualizado a las 04:55 h.A Horta das Chas, o espazo alternativo impulsado por Chan da Pólvora Editora nun predio de 600 metros cadrados á altura do número 37 da Corredoira de Fraguas, énchese de versos ata finais de setembro con nove recitais que poñen o foco na poesía galega contemporánea.
O recital do día 25, a partir das 19.30 horas, suporá o regreso despois de case dúas décadas de silencio poético de Emma Couceiro (Cospeito, 1977), unha das autoras da denominada xeración dos 90. Ao día seguinte será a quenda do ferrolán asentado en Ordes Afonso Traficante, que mesturará poesía e música electrónica. Trátase do seu primeiro concerto tecno.
As seguintes propostas serán xa en setembro. O día 8, no espazo do barrio de San Pedro, recalará Miro Villar (Cee, 1965), unha das figuras do Batallón Literario da Costa da Morte, que achegará a súa obra máis recente. Na semana seguinte, o 16, será a quenda de Rafa Lobelle (Chantada, 1988), que descubrirá as últimas creacións.
O día 17, Ana Romaní e Chus Silva ofrecerán o proxecto que une poesía coa música da contorna inmediata tomando como punto de partida a publicación «A desvértebra». Pola súa banda, Cesáreo Sánchez (O Irixo, 1951) preparou poemas sobre a expropiación da humanidade que se lles fai aos máis vulnerables para o día 21. Dúas xornadas despois, chegará unha das parellas máis activas do panorama literario galego, Alicia Fernández e Eduard Velasco.
A recta final estará protagonizada por Lorena Souto (O Parámo, 1983), que participará o día 29. O broche poñerao na xornada seguinte o grupo das Lupercais, que xurdiu en Lugo en febreiro, co núcleo groso de participantes ligados a esa cidade.