A publicación do catálogo da mostra comisariada por Pepe Barro dá a oportunidade de seguir profundando na saga familiar do médico-cirurxián Ángel Baltar
20 oct 2022 . Actualizado a las 04:55 h.Das salas do colexio de Fonseca ás follas dun libro. A exposición «Deber de Baltar. Medicina e compromiso» amosou entre febreiro e abril a importancia da saga familiar do médico-cirurxián Ángel Baltar Cortés e dous dos seus fillos, os tamén médicos Antonio e Ramón Baltar Domínguez, e agora continúa o seu percorrido en forma de catálogo, que foi publicado por Xerais e o Consorcio de Santiago.
O libro foi presentado onte no salón de actos da Facultade de Medicina coa participación tanto do comisario da exposición, Pepe Barro, como do escritor Suso de Toro, autor da novela «Un señor elegante», na que está inspirada a mostra. Tamén acudiron o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o reitor da USC, Antonio López, entre outros.
«Deber de Baltar» supón un percorrido de máis dun cento de anos, desde mediados do século XIX ata a morte de Ramón Domínguez en 1982. O comisario da mostra, Pepe Barro, incide no relato no compromiso da familia. Así, faise fincapé na súa labor sobranceira no ámbito da medicina, pero tamén na súa pegada no ámbito cultural e político, de aí que entre os elementos da mostra estivese unha autocaricatura de Castelao, un exemplar da primeira edición de «Cantares gallegos» ou un plano cun proxecto de atentado contra Franco convivindo con múltiple material cirúrxico.
No catálogo presentado onte detállanse momentos da vida da familia Baltar, recollendo tanto intres de esplendor pero tamén de dor.