Parece que ninguén coñece e a ninguén lle preocupa a decadencia da Cidade Histórica no Concello, que dende o ano 1970 ven perdendo cada ano o 3 % da súa poboación de xeito continuado. Hoxe A Rúa Travesa, As Casas Reais, as Algalias e O Preguntoiro teñen un bo feixe de casas pechadas e sen perspectiva de que vaian ser postas de novo no mercado de aluguer ou venda a curto prazo, e edificios senlleiros como o Yago, Olmedo, o Pazo de Cimadevila, a Casa da Rabeada, as casas da parroquia de Salomé na Rúa Nova, as casas de Cotos, a Casa Sacerdotal no Preguntoiro, a casa onde estivo Cantigas e Agarimos na Algalia de Arriba, o Pazo dos Irlandeses... permanecen abandonadas e deteriorándose de forma evidente.
Cómpre sinalar dous casos sobresaíntes: o Pazo ou Colexio dos Irlandeses, embozado cunha rede dende hai máis tres meses, mentres seguen a concederlle prórrogas dos prazos para que acometan as obras para as que solicitaron licenza hai máis de catro anos. O outro caso é o do Cine Yago, que a día de hoxe ten tres expedientes xa pechados, a pesar de que este edificio ten rota a pedra dun balcón e están sen repoñer as galerías de fundición do segundo piso dende hai máis de dez anos, e ten a porta dun balcón do terceiro andar aberta dende hai máis de dez meses, ademais de meter auga aos edificios colindantes. No servizos de urbanismo do Concello e no Consorcio nada disto debe constar, aínda que está a vista de calquera que pasee pola Rúa do Vilar.
O principal eixo comercial da cidade, que vai dende San Roque e baixa pola Algalia, O Preguntoiro, Caldeirería e As Orfas, e chega ata a Praza de Galicia, ten 46 baixos comerciais baleiros, na Praza de Abastos preto de 60 casetas permanecen tamén baleiras. Deberíamos tomar exemplo dos nosos veciños da cidade do Porto, que no seu Plano de Gestâo do Centro Histórico do Porto inclúe entre as súas propostas a revitalización do comercio mediante a promoción da relación entre comerciantes e clientes fidelizados pola proximidade e o servizo de calidade.
Mentres todo isto acontece, o Concello mantén paralizada dende o comezo da actual lexislatura a revisión do Plan Especial 1, e no caixón do esquecemento o Plan de Xestión da Cidade Histórica, e o mesmo sucede co Plan de Infraestruturas da Cidade Histórica, polo que o Consorcio pagou 400.000 euros no ano 2011, e ao tempo resultan imperceptibles os efectos das inscricións no Rexistro de Solares.
Este ano toca cumprimentar o informe periódico sobre os bens Patrimonio da Humanidade requirido pola Unesco ao Goberno de España. Que balance vai presentar o noso Concello? Dende a Asociación Fonseca agardamos que aproveiten a ocasión para reflexionar sobre por qué ser Patrimonio da Humanidade non está a favorecer «o dinamismo, a identidade e a cohesión social» da poboación local.