Cen anos de literatura infantil en galego: de «As Roladas» á actualidade

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A Biblioteca de Galicia acolle nunha mostra primeiras edicións das obras máis destacadas

16 nov 2022 . Actualizado a las 04:55 h.

«Unha árbore de historias. Cen anos de literatura infantil e xuvenil» é a nova exposición da Biblioteca de Galicia inaugurada onte. Achega un cento de publicacións, a maior parte primeiras edicións, que reflicten a evolución das obras infantís e xuvenís en galego.

Parte de 1922, cando sae do prelo a revista infantil «As Roladas», impulsada por Ramón Cabanillas, e chega ata a actualidade. Nas vitrinas aparecen os primeiros textos que escribiron Vicente Risco e Filgueira Valverde. Unha das paradas importantes é o reencontro con Balbino, personaxe de Neira Vilas en «Memorias dun neno labrego» e tampouco falta «A galiña azul», de Carlos Casares.

A mostra -comisariada por Montse Pena Presas e inaugurada polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo- quere simbolicamente semellar unha árbore que prende e se vai enchendo de historias para contar actualmente cunha follaxe frondosa. Así, percorre a evolución con varias seccións: a semente, a escuridade, o tronco, a luz, as pólas, o agromar, a follaxe e os froitos. No percorrido non se esquece das traducións que na década dos 60 de Galaxia, o importante papel da Xohana Torres, o traballo do colectivo O Facho, ou de mestras como Helena Villar Janeiro, Ana María Fernández e María Victoria Moreno.