Xosé Luis Bernal, Farruco: «Fun profeta na miña terra, gocei moito e fun querido e aplaudido»
SANTIAGO

Ademais de recorrer festas e romarías, Xosé Luis Bernal foi animador coa Tuna Compostelana
01 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Humorista e actor que naceu na Rúa do Vilar, Xosé Luís Bernal López fixo 81 anos e o seu fillo artístico é o popular personaxe Farruco, tanto que prefire que me dirixa a el así, «porque é máis entrañable e cariñoso», segundo indica. Pero este tipo tan santiagués andou de mozo ligado á Tuna Universitaria Compostelana, coa que facía de presentador e animador. Daquela época veulle a afección por coleccionar edicións de La Casa de la Troya, novela de Pérez Lugín que recrea o ambiente estudiantil de finais do século XIX. O Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, ubicado na praza de Salvador Parga, abrirá este venres unha exposición das portadas que conserva Farruco, ao abeiro do XXX Aniversario do Museo Casa de la Troya.
«Espertou a miña curiosidade unha reseña de prensa que dicía que o texto de Lugín era a obra que máis veces se reimprimira en España, e así empecei a coleccionala. Onte mesmo atopei unha edición de 1938. A máis antiga que teño é de 1924, pero reproduce a magnífica ilustración que fixera Castelao na edición príncipe de 1915. Por certo, fora publicada pola antiga Librería Galí. As máis recentes son de 2021, que se corresponden coas versións en galego, danés e italiano. As portadas que imos exponer teñen o tamaño aproximado dun periódico e son unhas corenta. Tamén hai dous cartaces de 1918 anunciando a adaptación teatral que fixera Linares Rivas», tal como explica o coleccionista, que xa exhibira unha selección no Café Casino, en 2006, da man da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos que, daquela, presidía Benigno Amor Rodríguez. «A dedicación, o entusiasmo e os cartos que gastou Benigno Amor na posta en marcha da Casa da Troya non teñen prezo. Foi a alma e o mecenas do museo, que se inaugurou en 1993; e que, logo do seu pasamento, continuou co mesmo pulo seu fillo Nino. Así que, trinta anos despois, cómpre seguir apoiando este museo romántico, é un reflexo da vida universitaria compostelá», engade Farruco.
Igualmente sinala que el aparecía coa tuna na adaptación cinematográfica que fixera Rafael Gil en 1959, protagonizada por Arturo Fernández e Ana Esmeralda. Tamén rememora con agrado as viaxes e, particularmente, un certame en Oviedo que gañou a Compostelana, daquela dirixida polo acreditado frautista Miguel de Santiago. «E como esquecer o certame de 1979, onde había 15.000 persoas na Quintana, que presentei con Luis del Olmo e Silvia Tortosa», engade.
Outra actividade singular asinada por Farruco ou Xosé Luís foi o escaparate de El Yunque, que estaba na rúa das Orfas. «Cando meu pai me mete na ferretería a traballar, logo de tanta farándula, ocorréuseme escoller un tema de denuncia social para decorar o escaparate. Por exemplo, acórdome daquel que fixen cando na Costa da Morte estaban de verter residuos tóxicos, e púxenlle o lema de ‘Queremos a Costa da Morte e non a morte da nosa costa’. O certo é que aquela viñeta que facía periodicamente no expositor da tenda tivo moito éxito. Chegou a saír nos diarios El País e ABC, e mesmo en Le Monde», suliña.
Farruco, un nome que naceu na emisora local, Radio Galicia, recorreu festas, romarías e corredoiras contando contos e historias, de elaboración propia e aproveitando o que «escoitaba» nas tabernas: «Fun profeta na miña terra. Gocei moito. Fun querido e aplaudido. Era un atractivo para as comisións de festas. Eu, e Ana Kiro. E agora sigo facendo os meus pinitos». De feito, acaba de participar no programa da TVG «Tupper club», onde cociñou un peixe sapo que foi moi valorado polos outros concursantes: a cantante Tania Veiras e o actor Chechu Salgado. Entre tanto, Farruco xa prepara un segundo libro que recollerá unha selección dos seus contos.