Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Pablo Villar, responsable do restaurante Don Gaiferos: «Ao ver o local de rapaz pareceume espectacular e tiven un frechazo»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

Próximo á xubilación, o veterano hostaleiro aínda non pensa en retirarse

08 may 2023 . Actualizado a las 09:52 h.

«Miña nai díxome que non me quería ver de moinante polas corredoiras, e levoume a traballar no bar onde ela era cociñeira», relata con orgullo Pablo Villar Bellón (Ponteceso, 1962), que veu para Santiago con quince anos a estudar na Escola de Hostalaría de Lamas de Abade. Alí recalou grazas ao rapaz que lle ensinaba na terra bergantiñá, que era da primeira promoción do centro compostelán.

Daquela a escola estaba ubicada no desaparecido Burgo das Nacións. Villar axiña entra a traballar no Don Gaiferos, restaurante que abrira as súas portas no ano 1976: «Un día que iamos ao cine, non me deixaron entrar porque tiña cara de neno. Entón quedei pasmando pola rúa e vin, desde fóra, o Gaiferos. Pareceume un sitio espectacular, os camareiros vestidos de traxe negro, as cadeiras inglesas, altas… Cando o vin, tiven un frechazo. Eu sabía o que era un sacho e un carro. Pero aquilo era moi bonito. Vía que era un sitio moi guai».

Aquel rapaz, que conxugaba os estudos con traballo as fins de semana, empezou no restaurante Reina Lupa (A Escravitude), pero alternaba co Gaiferos, xa que os dous eran propiedade de Manuel Martínez Souto, que finou o pasado mes de marzo con 85 anos. «O cadro de persoal do Gaiferos era moi maior, así que ao pouco de vir para aquí, convertinme no home de confianza de don Manuel. El viñera de Inglaterra e foi un avantaxado da época, e un gran promotor dos viños galegos, cando non había denominacións de orixe. Tiñamos viños de toda Galicia escollidos por el. Gustáballe moito a hostalaría. Foi un visionario. E nunca tiven unha palabra máis alta que outra. Era moi respectuoso cos traballadores», tal como explica o seu empregado, que segue a ser o responsable, cociñeiro e relacións públicas do popular restaurante.

Un clásico de case medio século

Convertido nun clásico a piques de facer medio século, ao local (que semella a nave dunha humilde ermida cruzada con arcos e capelas laterais) «nunca» se lle tocou. «Gastamos moitos cartos en restaurar as cadeiras, pero son as mesmas; e as mesas, as lámpadas, os aseos, todo segue igual. Tamén conservamos clientes de toda a vida, aínda que moitos foron morrendo, como é natural. Algún comenta que era un neno cando entrou aquí a primeira vez», segundo explica.

«A liña do establecemento sempre foi a mesma. A mellor época foi a dos anos noventa. Pero desde 2008 temos un restaurante máis sinxelo. Temos unha carta máis reducida e a metade do persoal. Hoxe faise un consumo máis razoable. Se cun prato me chega, por que vou pedir máis. Igualmente facemos comidas menos laboriosas. E o turismo tampouco demanda tanto como antes», engade o responsable do restaurante, precisando que conservan as especialidades da casa en peixes e carnes.

O Gaiferos é o único restaurante de dous garfos da Rúa Nova, xa que El Chitón e El Retablo «pouco» duraron; e menos mal que cando pechou a xastrería de Pepecillo, aí enfronte, mantívose como comercio de moda, tal como rememora o veciño hostaleiro. «Eu estou moi feliz de seguir aquí e penso que aguantarei ata a xubilación, ou algo máis; non teño presa. Pero pasoume o tempo rapidísimo, ¡incrible! Nin boto de menos ter máis tempo libre nin estou queimado», advirte con franqueza.

Actualmente acompañan a Pablo a cociñeira (Raquel), que xa leva trinta e catro anos, e a camareira (Érika), que leva once. Por moitos anos!