Xosé Sánchez Bugallo, candidato do PSOE á alcaldía: «Se algo podo aportar é sentido común, dedicación e centrarme en Santiago»
SANTIAGO
O rexedor aspira a gañar as eleccións e poder gobernar de novo en solitario
26 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Xosé Sánchez Bugallo (Teixeiro, 1954) aspira á reelección polo PSdeG-PSOE despois de gobernar en minoría no mandato que agora remata. A diario entra na praza do Obradoiro cara ás nove da mañá —onte ás 8.30— para pórse á fronte da Administración municipal.
—A que hora entra vostede pola porta do Concello?
—Érgome sempre ás 6.30. Ata as sete almorzo e leo a prensa. De 7 a 8 fago exercicio e entro ás 9 da mañá, pero entro en disposición de que a miña xornada acaba cando acaba, e iso quere dicir que pode ser ás 9, 10 ou 11 da noite.
—E ten moitos días dos de dez ou once da noite?
—Ás once non é tan habitual, pero si bastante normal que un ou dous días por semana. E antes das nove ou nove e media, difícil que acabe, porque as reunións con asociacións de veciños e con determinados colectivos son sempre ás oito, co que a hora de remate soe estar ás nove e media.
—Antonte houbo o último debate. Nunca tanto se debateu.
—Asistín a once. Non lembro tantos antes e ninguén se poderá queixar de que me neguei a debater con ninguén.
—Séguelle aguantando a voz, pese a tanta actividade.
—Sorprendentemente. Teño certa debilidade nas cordas vocais, de feito estou operado, pero estou aguantando.
—Vostede leva moitas campañas. Son máis esixentes as de agora?
—Son distintas. O mitin tradicional xa non existe. Nos encontros coas veciñas e veciños en barrios e parroquias acabamos nun animado debate. E estou contentísimo de que sexa así, porque é extraordinariamente enriquecedor.
—Á parte do exercicio de primeira hora, que fai para relaxar en campaña? Porque é candidato, pero tampouco deixa de ser alcalde.
—Relaxar é imposible. Non hai tempo neste momento para iso. O que procuro é desfrutar do encontro cos veciños. Onte estivemos dando un paseo coa ministra Pilar Alegría polas rúas e foi moi agradable, falando con eles... A xente estase implicando nese proceso. Acabei o día esgotado, pero non tensionado nin estresado.
—Contou con catro ministros nas tres últimas semanas. Isto parece un desembarco.
—É probable que aínda veña outro. Eles están recorrendo toda España e é unha oportunidade tamén boa para comentarlle as nosas necesidades. Santiago é a capital de Galicia pero tamén é unha referencia para toda España e universal. E quero facer unha reflexión a respecto diso. O éxito turístico obriga a un maior esforzo de convivencia entre o turismo e a cidade. Hai que buscar un punto de equilibrio. Santiago ten que ser unha cidade fundamentalmente dos santiagueses, pero na que tamén todos os galegos se sintan cómodos, igual que os españois. Tamén é referencia internacional. E hai que buscar ese equilibrio sen renunciar a ese papel de símbolo, de referencia, que xoga Compostela, porque está na súa propia esencia. Temos que buscar fórmulas de ordenar, de conciliar, incluso de facer sentir a utilidade da taxa turística a quen poida ver o turismo como unha carga. Esta vai ser fundamental para que os composteláns vexan que compartimos todos os beneficios do turismo, que debe contribuír á rehabilitación e a financiar actividades.
—Tense por un home moi pragmático e xa gobernou en coalición. Dígame esa ocasión na que o pragmatismo se impuxo claramente a cuestións programáticas ou incluso ideolóxicas?
—Eu non vexo contradición entre unha cousa e outra. Para min o centro da miña vida, máis que da actividade política, que tamén, é Santiago e o servizo a Santiago, polo tanto non hai unha ideoloxía que poida ser contraditoria co servizo ao conxunto da cidadanía. O que entendo é que o que é bo para Santiago ten que coincidir coa miña ideoloxía e co meu pragmatismo. Se algo podo aportar eu na política é dedicación, sentido común e, sobre todo, centrarse en Santiago. Eu non quero que Santiago sexa un instrumento de confrontación política con outras administracións, que a alcaldía de Santiago sexa un mecanismo para competir nin pelexar contra ninguén, senón un instrumento para beneficio dos composteláns, e tratarei sempre de buscar acordo e colaboración ata onde sexa posible. Sempre tratarei de traballar nesa dirección.
—Tiraríase dun avión para demostrar que vai a por todas, como fixo a candidata do PP en Vigo? Vostede xa probou en parapente.
—Eu tireime en parapente para facerlle fronte á vertixe, porque tiña vertixe. Non sei se a teño aínda, porque non volvín probar, pero teño a sensación de que xa non, ou non da mesma maneira. Pero ese tipo de actividades como campaña política resúltanme un pouco estrañas. Eu ao que me comprometo cos cidadáns é o que estou facendo: a dedicarlle dous ou tres fins de semana cada mes, a traballar doce horas cada día, a facer vacacións cando poida e como poida. Ningún ano collín máis de dez días. O do paracaídas, se a cambio nos dan algunha vantaxe para Santiago, o faría. Por exemplo: que nos amplían a estación do AVE e fan a prevista no 2011? Se me ofrecen iso me tiro sen ningún xénero de dúbidas.
—Que tal a relación con Borja Verea? Parece fría.
—Fría, si. Na política hai regras e todos os que aspiramos a ter un futuro na política debemos levar o debate, a confrontación e os acordos dentro das regras da política. Cando alguén decide buscar outros camiños dá un paso fóra desas regras e iso tamén o define (...), pero o que me vai preocupar a partir do luns é se podemos contar con el para desbloquear temas que el mesmo bloqueou, como Peleteiro ou o concurso da auga.
—As enquisas enfilan a un bipartito ou tripartito, pero as candidatas de CA e BNG estano cuestionando a vostede abertamente.
—En democracia a unidade de medida é o voto, non o veto. Iso é o que conta, pero a miña aspiración é gañar as eleccións, ser a lista máis votada e poder gobernar en solitario. A quen estou pedindo o voto é a todos os que confiaron en min hai catro anos, pero tamén aos que votaron ao PP. Pido o voto útil, o voto práctico, porque non parece haber dúbida de quen vai ser o próximo alcalde.
«Tireime en parapente para facer fronte á vertixe, e teño a sensación de que xa non a teño, ou non da mesma maneira»