Atlántica, desde Santiago ao resto de Galicia e Portugal con 42 espectáculos

La Voz

SANTIAGO

Cedida

O festival, que se celebrará do 1 ao 9 de xullo, contará cunha estrea absoluta na Colexiata de Sar

17 jun 2023 . Actualizado a las 00:12 h.

«Conservar». Esa é a premisa da que parte o Festival Atlántica, que segue medrando nesta undécima edición que se celebrará do 1 ao 9 de xullo. Expándese cada vez máis desde Santiago ata chegar a 24 concellos galegos e, por primeira vez, incorporando Portugal, xa que será parte dos actos de conmemoración dos 750 anos de Pitões das Júnias. «Hai xente que é de conservar ideais, soños, de conservarse ben, pero nós decidimos conservar memoria», apuntou Soledad Felloza, directora do festival. Pero este feito de conservar e de ser clásicos, engadiu, non vai en contra de seguir buscando novas voces e propostas, como o demostra as dúas estreas absolutas programadas, unha delas en Santiago o 7 de xullo na Colexiata de Sar. José Luis Gutiérrez ofrecerá por primeira vez «Cando deus andaba polo mundo».

Esta undécima edición Atlántica, que foi presentada onte no Concello de Santiago, contará con 38 narradores procedentes de Cuba, Portugal, Cataluña e Zamora, ademais dos galegos, que sumarán preto dunha trintena. Destaca neste cartel tamén o número de voces femininas que transmitirán os contos. A nivel internacional participarán artistas como o cubano Pedro Mario López e os portugueses Luis Correia Carmelo, Rosa Gonçalves, Estefânia Surreira e Vitor Fernándes. Tamén contarán a catalá Sherezadae Badaji e os zamoranos Charo Jaular e José Luis Gutiérrez. A nivel galego estarán, entre outros, Quico Cadaval, Cándido Pazó, Charo Pita, Celso Fernández Sanmartín e Raquel Queizás.

«É un festival que non ten parangón no resto da Península», resaltou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Pola súa banda, o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, fixo fincapé en que se trata dun festival que non deixa de medrar e se descentraliza. Chegará a espazos singulares como os castros de Castrolandín (Cuntis) e Viladonga (Castro de Rei) ou en eiras de Dodro. Na comarca compostelá tamén contará con actividades en Teo e Brión, tanto para público adulto como cativada.

Un roteiro secreto

En Santiago haberá tanto espectáculos como roteiros. Neste último caso, segundo apuntou Soledad Felloza, é precisa inscrición previa. Na cidade daranlle continuidade ao roteiro pola muralla iniciado o ano pasado. Tamén haberá outro paseo secreto, neste caso, guiado pola propia Soledad Felloza, que unicamente desvelou que «vai haber unha parada que vai ser atendida». Ademais, na capital galega incorporan como escenario os xardíns do centro sociocultural Maruxa e Coralia, que acollerá o día 4 a Pedro Mario López e ao día seguinte a Bea Campos. Non faltan tampouco escenarios habituais como o Museo do Pobo, onde chegarán as historias de Rosa Gonçalves o día 7. Na xornada seguinte estarán no Castelo da Rocha Vero Rilo con Santi Cribeiros.