A proposta da Colexiata do Sar tamén inclúe nesta primeira exposición e gastronomía
01 jul 2023 . Actualizado a las 04:55 h.Amosar o traballo propio e o doutras agrupacións no eido da música e o baile tradicional, pero tamén contar con figuras de referencia no folk. Con ese dobre obxectivo se celebra hoxe e mañá a segunda edición co formato actual de Folk na Beira do Sar, impulsado pola AF Colexiata do Sar. Pero non so é música, senón tamén haberá gastronomía e exposición. «Queremos poñer en valor a nosa tradición e a cultura», apunta Rafael Sexto, membro da organización.
As actividades, no entorno da Colexiata, comezarán hoxe ás 11.00 horas coa apertura da exposición «Galicia polo miúdo», que reúne traxes tradicionais e de oficios en miniatura. Tamén pola mañá terá protagonismo a gastronomía con cata de queixos (11.30 horas) e viños (12.30 horas), e degustación de produtos galegos (12.30 horas). Non faltarán espectáculos para a cativada: Música Miuda ofrecerá «Xiana e a meiga Xela» (12.30 horas). O peche da mañá será cunha sesión vermú con Comando Curuxás (13.00 horas).
Xa pola tarde, a partir das 18.00 horas, celebrarase o Festival de Música Tradicional coa participación de @s Folieir@s de Lavadores, Cribón Música Tradicional, Os Terribles de Donas, Axeigo, Devagarinho e os anfitrións, Colexiata do Sar. O remate será cunha foliada.
Precisamente, os anfitrións tamén participarán mañá no concerto que Carlos Núñez ofrecerá a partir das 20.30 horas. O músico repite por segundo ano con proposta, iso si, distinta. «O concerto do ano pasado foi un verdadeiro éxito, así que, por que non repetir? A el tamén lle gustou moito o sitio», apunta Rafael Sexto, sinalando que foi o propio Carlos Núñez quen tamén quixo volver. As entradas para acudir á actuación están á venda en Ataquilla a partir de 15 euros.