Os xigantes e cabezudos bailaron diante de moito público no casco vello na véspera do Apóstolo
26 jul 2023 . Actualizado a las 19:48 h.Os míticos xigantes e cabezudos encheron onte de música e baile o casco histórico de Compostela. Comezaron o seu recorrido ás 12 de mañá na Praza da Quintana, onde centos de rapaces e rapazas agardaban emocionados coas súas familias por eles. «A miña filla tiña moitas ganas do Apóstolo polos xigantes e cabezudos, esta noite custoulle durmir dos nervios», explicou Andrés Martínez.
Os oito xigantes exhíbense cada ano nas festas patronais de Compostela, lucindo certas mañas coreográficas ao son da música tradicional. Nos seus primeiros tempos saían na procesión do Corpus e representan aos peregrinos que acudían a visitar o sepulcro do Apóstolo Santiago dende diferentes lugares do mundo. Ao finalizar o seu baile, lucíronse nun dos laterais do edifico histórico da praza.
As catro parellas de cabezudos entraron na praza acompañados por unha banda de músicos —gaitas, saxofóns, tambores, clarinetes e acordeóns— cun orballo que non lles impediu entreter ao público. Pero por enriba da música podíanse escoitar as efusivas palmas dos pais e nenos que gozaban do espectáculo. Ao finalizar os seus bailes, os monecos invitaban aos rapaces e parazas a bailar con eles facendo rodas. «Levo dous anos traendo aos meus fillos a ver aos cabezudos bailar porque o pasan súper ben», comentou Lorena Gutiérrez mentres os seus fillos danzaban con bonecos.
Nas escaleiras e na praza non cabía un alfinete, porque ata os peregrinos que pasaban por alí quedaron abraiados co tradicional baile dos cabezudos e os impoñentes xigantes, ata véuselles danzar tamén cos pequenos e cos cabezudos.
Tras finalizar o seu baile, as populares figuras marcharon polos canellóns da zona vella ata a Praza de Praterías aínda que, esta vez, sen os xigantes. Estes últimos tomaron outro rumbo ata chegar ao destino final, a Praza do Toural. En Praterías xa había centos de persoas agardando por eles, formando unha circunferencia para que no centro os cabezudos puidesen bailar. De tanta axitación, a unha das cabezudas caéuselle o pano que levaba na cabeza, polo que necesitou axuda do público para colocalo de novo.
Os xigantóns foron os primeiros en chegar á Praza do Toural e captaron toda a atención de aqueles que permanecían á espera dos cabezudos. Axiña todos os presentes fotografaron aos xigantes e colleron aos máis pequenos ao carrelo para que puidesen apreciar o porte maxestático dos xigantóns. «Os meus fillos téñenlle medo aos xigantes, pero penso que é normal, aínda que tratamos de explicarlles que non lles van facer nada malo», comentou Xosé Manuel mentres admiraba aos xigantóns.
Cando chegaron os cabezudos a presentar o seu último baile, toda a atención centrouse neles. Bailaron por parellas e facendo rodas entre todos e, unha vez máis, bailaron cons pequechos presentes, rematando o espectáculo ás 13.00 horas.
Os xigantes e cabezudos veñen sendo un dos espectáculos que dan a benvida o Apóstolo nos últimos anos, salvo no 2020 que por motivo da pandemia non puideron saír ás rúas.
Estas festas reforzan a seguridade para que todo o mundo goce do Apóstolo sen perigos. Durante os bailes dos cabezudos, sobrevoaban as prazas helicópteros policiais e un dron, a última incorporación da Policía Nacional para velar pola seguridade durante estas festas que atraen multitudes a Santiago.
«As miñas festas favoritas»
O público que presenciaba os bailes dos cabezudos, amosábase emocionado polo inicio das festas grandes de Santiago: «Son as miñas festas favoritas, trato de ir a todos os espectáculos e estar todo o día no rúa, cando o tempo acompaña claro», sinala Roberto Ruiz mirando para o ceo mentres caían unhas gotiñas.
A maioría dos nenos e nenas de Compostela agardan tamén o Apóstolo con ganas: «Tengo muchas ganas de que mis padres me lleven a las atracciones porque me gusta mucho el Saltamontes», dicía unha nena, mentres que a súa amiga explicaba que ela xa foi ao Saltamontes e «me falta ir a la noria, pero me da un poco de miedo porque es muy grande, aunque ya soy muy mayor y puedo subir».
Ao igual que os rapaces, os comerciantes esperaban tamén con ansias as festas, xa que supón un aumento da clientela: «Normalmente en el Apóstolo vienen muchos peregrinos y gente local también y obviamente tenemos más ingresos», comenta unha dependenta dun local da Praza do Toural.
Certamente, o Apóstolo é unha das datas clave para os comercios, restaurantes de hoteis para conseguir recuperarse da primeira quincena do mes de xullo, que tende a ser escasa. Os comerciantes amósanse optimistas de cara á semana do Apóstolo pese a que algúns ven na rúa menos xente da esperada: «Sabemos que estanse a romper récords en canto a peregrinos e turistas, non estou preocupado, a verdade», subliñou un dos camareiros dun restaurante de Porta Faxeira.
A ocupación hoteleira está arredor do 85 % na cidade
Na véspera e no día grande do Apóstolo, as rúas de Compostela amosábanse cheas de xente, tanto locais coma turistas, mais este ano a situación non é a mesma. A pesar de que o día 24 os hoteis estiveran ao 86 % de ocupación e hoxe ao 84 %, a noite do 24 non houbo tanta xente na rúa como o ano pasado ou no 2019, algo que preocupou aos comerciantes e hostaleiros do casco monumental.
Aínda que non haxa un ambiente festivo típico destas datas, estanse a bater récords de peregrinos na cidade, ademais de contar con moitos turistas, por exemplo, alemáns, ingleses ou italianos.
Nalgúns restaurantes ou bares están sufrindo unha caída de consumidores con respecto a outros anos nestas mesmas datas, tal e como afirma Thor Rodríguez, presidente da Asociación Hostelería Compostela: «Está cambiando lixeiramente o comportamento dos turistas, xa que estase contendo o gasto en locais de hostalería». Rodríguez explica que está sendo «un Apóstolo bo, aínda que eu tampouco entendo que as rúas non están abarrotadas, pero insisto, temos datos de ocupación similares aos do ano pasado e aos de 2019, a xente está reservando habitacións».
Estas afirmacións poden resultar esperanzadoras para todos aqueles hostaleiros que tiñan medo de non alcanzar os datos de clientela previstos ante a menor afluencia de xente nas rúas.