Benigno Amor: «O Museo Casa de la Troya é un proxecto colectivo para participar na vida de Compostela»
SANTIAGO
«Pero estou moi preocupado polo seu futuro, porque non hai relevo», advirte
08 ago 2023 . Actualizado a las 01:07 h.«Ha sido una visita interesantísima con mucha chispa. ¡Voy a volver!». É un comentario representativo de tantos que se poden ler no libro de sinaturas de La Casa de la Troya, museo que dirixe Benigno Amor Barreiro (Santiago, 1967), presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns. «Viaje irrepetible, inolvidable y… habrá que volver para que sea repetible y no lo olvidemos», asina con agradecemento a Cuarentuna Femenina de Alicante. Entre tanto, dous valencianos, Manuel e Toni, abórdannos no vestíbulo: «¿Os hacemos la visita nosotros? Venimos tantas veces que nos la sabemos de memoria». Está claro que quen a visita, repite; malia que segue a ser unha «vella descoñecida», segundo lamenta Amor. Pero no seu trixésimo aniversario, o museo acaba de estrear frontispicio: «Pintamos a fachada, arranxamos os balcóns, reparamos as humidades, así como as portas e as fiestras de carpintería; e renovamos as cortinas e os panos. E, por fin, temos un letreiro exterior, porque pasabamos desapercibidos para a xente da rúa. Atopamos a peza perfecta, un rótulo de forxa feito polo ferreiro compostelán Chago Martínez, cumprindo coas directrices da Unesco como corresponde».
Inquirido sobre as perspectivas da temporada, Amor advirte que sufrimos o mesmo problema de todos os veráns: «Padecemos un turismo desorganizado e que chega a Santiago con tres tópicos: a Catedral, marisco no Franco e levar un suvenir dun euro. Agravado ademais por unha deficiente sinaléctica». O inmoble, que ten baixo, soto e tres plantas, exhibe o salón que había na casa de Jacobo Gil Villanueva —que foi reitor da Universidade— e derriba da mesa amósanse unha vintena de edicións da novela homónima de Pérez Lugín, texto que recrea o ambiente universitario dacabalo entre os séculos XIX e XX. «Esta estancia é a que máis lle gusta á xente de Santiago. Aos de fóra sorpréndelles que a cociña estea no último andar, así como as escaleiras de pedra para as bestas que baixan ao soto, onde está a sala de becas. Temos unhas duascentas de España, Portugal, Holanda e Iberoamérica. É o espazo no que se deteñen e se fotografan os tunos que nos visitan. E todas as persoas gozan das vistas das torres da Catedral, desde o cuarto da patroa da pensión de estudantes que foi este edificio».
A historia do museo está ben documentada na web oficial. O pai de Amor Barreiro —Benigno Amor Rodríguez, que finou no 2009— foi o seu impulsor e mecenas. En palabras do fillo, é un «legado sentimental» cuxo relevo colleu el. «O museo non é un proxecto persoal, é unha empresa colectiva co fin de participar activamente na vida cultural de Compostela. Xa meu pai, que prefería estar en segundo plano, dicía que había que devolver á sociedade parte do que nos dera a vida. Ademais desta herdanza familiar, a min lígame tamén co espírito da tuna universitaria, que é unha escola de vida», indica o antigo tuno. «Pero tamén estou moi preocupado polo futuro do museo. Isto ten un custe persoal e profesional moi grande. Hoxe soportamos isto un grupo forte e comprometido da nosa asociación, pero o relevo non está garantido. Logo de tanto esforzo, doeríame que caese no esquecemento», advirte Amor.
Entre tanto, sucédense os actos conmemorativos destes trinta anos, período en que o edificio romántico foi visitado por case 75.000 persoas. En setembro celebraranse os V Encontros Troianos, xuntanza organizada por Troyanos de Compostela, agrupación musical do museo que este ano xa actuou no Teatro Colón de A Coruña, León e Porto, entre outras localidades. Clausurarán o evento que Alumni USC celebrará o 22 de setembro en Fonseca. No mes de Nadal pecharán o seu aniversario cunha actuación no Teatro Principal. E xa andan mirando para facer unha viaxe a México!