Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Imprescindibles da colección do CGAC no Gaiás: dunha trituradora xigante á sala terapéutica

La Voz

SANTIAGO

A mostra enmárcase no 30 aniversario do museo de arte contemporánea

17 ago 2023 . Actualizado a las 11:42 h.

Do perturbador bosque de Perianes á habitación terapéutica a base de cores de Mónica Alonso. Percorrer «Relatos contemporáneos da colección do CGAC» —que pode verse na Cidade da Cultura ata o 15 de outubro é achegarse á colección do museo de arte contemporáneo e, ao mesmo tempo, aos eixos temáticos da arte actual como o feminismo, o colonialismo, a ecoloxía... A mostra forma parte do proxecto expositivo impulsado pola Xunta «Traballo en equipo» con motivo dos 30 anos do CGAC, que conta con dúas exposicións complementarias, pero independentes: unha na sede do museo en Bonaval e a outra na Cidade da Cultura.

O percorrido polo medio cento de pezas que se exhiben no Gaiás sorprende e invita á reflexión xa desde a entrada, onde o perturbador e inquietante bosque de Jorge Perianes recibe ao visitante. A obra consta de cabana esnaquizada, casa no alto, valado e un sorprendente home lobo, entre outros elementos.

Pero hai máis pezas imprescindibles no percorrido, caso da trituradora xigante, «Grande brouyese», da libanesa Mona Hatoum, que se transforma nunha máquina ameazante, xa que o espazo de trituración ten capacidade para unha persoa. Con ela a artista fala de colonialismo. Xunto a estas obras de gran tamaño, atópase a instalación do italiano Giuseppe Penone na que encerra en gaiolas metálicas follas de loureiro. Aínda que a obra é de 1999, actualizouse na década pasada e aínda recende a loureiro. Un lenzo negro de gran tamaño e unha instalación de dimensións similares pero a base de varias mesas atopadas sérvenlle ao vigués Tono Carbajo para cuestionar que parte da obra pesa máis.

No percorrido pola mostra a mirada pousase sobre unha peza que desde o lonxe semella un «skyline» ou unha gráfica. A sorpresa chega ao aproximarse e ver os máis de 300 parafusos dourados empregados por Amaya González Reyes. Moi preto, outra creación singular, a serigrafía sobre porcelana da saudita Manal Al Dowayan na que recolle fragmentos de libros islámicos escritos por homes sobre a correcta conduta das mulleres. Na parte final do percorrido chega a habitación terapéutica de Mónica Alonso, toda ela en azul e con elementos en rosa (felicidade), amarelo (ilusión), verde (relax) e laranxa (traballo). Unha obra que chegou a hospitais.

Xunto a estas pezas hai moitas outras historias escondidas que invitan á reflexión.