Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Amancio Prada e a Filharmonía abren con Lorca o festival Maré

La Voz

SANTIAGO

Sandra Alonso

Estrearán a versión sinfónica dos «Seis poemas galegos» do escritor granadino o día 20 de setembro

29 ago 2023 . Actualizado a las 04:55 h.

O Festival Maré, que se celebrará do 20 ao 24 de setembro en Santiago, alzará o pano no Auditorio de Galicia coa estrea dos «Seis poemas galegos» de García Lorca en versión sinfónica por parte do histórico cantautor Amancio Prada xunto á Real Filharmonía de Galicia. Da orquestración e dirección encargarase David Fiuza —director da Banda Municipal de Santiago— e contarán tamén coa colaboración especial do coro Cantigas e Agarimos.

Con esta elección, o festival Maré aposta por terceiro ano consecutivo pola Filharmonía e a produción propia para a apertura da programación. No 2021 estivera acompañada polo trío Mali Trío da Kali (Mali) e o ano pasado pola banda escocesa Capercaille. Trátase da segunda vez na que a orquestra e Amancio Prada colaboran, xa que no ano 1997 publicaran «Rosas a Rosalía». A versión sinfónica de «Seis poemas galegos» está pensada en forma de suite, como unha obra única e continua en seis movementos.

Pero antes da estrea da versión sinfónica de «Seis poemas galegas», Amancio Prada conmemorará os 50 anos do histórico disco «Vida e morte», gravado en París en 1973. Trátase da primeira actuación da xira coa que celebra o medio século do álbum.

As entradas para este concerto inaugural o día 20, ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia, están á venda a partir de 22 euros.