O Concello de Negreira e o Museo do Pobo homenaxean a Xulián Magariños no centenario do Seminario de Estudos Galegos
SANTIAGO
Dentro dos actos de homenaxe , plantouse unha árbore ao carón da casa natal escritor
17 sep 2023 . Actualizado a las 05:05 h.Con motivo da conmemoración do centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos, o Concello de Negreira e o Museo do Pobo Galego celebraron onte varios actos na localidade barcalesa, nos que homenaxearon ao intelectual, avogado e escritor negreirés Xulián Magariños, un dos seus fundadores en 1923.
O acto institucional celebrouse no Salón de Plenos do Concello, coas intervencións do historiador X. Amancio Liñares Giraut, coordinador da xornada; Concepción Losada, presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego; Manuel Vilar Álvarez, director da mesma institución; e Manuel Ángel Leis Míguez, alcalde de Negreira, quen se referiu a Magariños como «un dos nosos veciños máis ilustres», e engadiu que «desde o Concello temos que manter vivo o seu legado e a súa obra, sobre todo para que os máis novos o coñezan».
Liñares Giraut repasou a obra de Xulián Magariños, e tanto Concepción Losada como Manuel Vilar destacaron a importancia de que «os concellos se impliquen con estas actividades».
Posteriormente actuou a compañía Os Quinquilláns e plantouse unha árbore na praza de Ferreiro, ao carón da casa natal de Xulián Magariños. Pola tarde tivo lugar a inauguración dunha mostra de fotografías e a actuación musical do dúo Minguante.