O Maré Festival engraxa motores na festa das músicas e artes atlánticas

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Do 20 ao 24 de setembro haberá actuacións en dez espazos pechados e ao aire libre

18 sep 2023 . Actualizado a las 04:50 h.

Do 20 ao 24 de setembro • Dez espazos de Santiago pechados e ao aire libre Este mércores arranca o Festival Maré, ou o que é o mesmo, o Festival de Músicas e Artes Atlánticas. Camiño das dúas décadas de vida, Maré chegou en 2020 a Compostela para visibilizar unha cidade que se proxecta ao mundo a través de camiños de ida e volta nun diálogo intercultural entre ambos lados do Atlántico.

 

Son cinco días, desde o mércores e ata o domingo, en distintos espazos da cidade: desde o Teatro Principal, o Auditorio de Galicia, o Salón Teatro ou a Sala Capitol ata as prazas de Mazarelos e das Praterías e a Facultade de Filosofía pasando pola Sala Riquela, A Casa das Crechas ou Numax. Ao longo destes cinco días pasarán por estas localizacións 27 bandas con máis de douscentos artistas enriba dos diferentes palcos e procedentes de dez países distintos. O mércores, ás 20.30, no Auditorio de Galicia, Amancio Prada e a Real Filharmonía de Galicia darán un concerto despois de que Chefa Alonso presente o seu libro «Improvisación libre. A composición en movemento» na Sala Numax.

Abraham Cupeiro o xoves coa Banda de Música Municipal en Praterías, Molimo no Salón Teatro o venres, Fetén Fetén o sábado no Principal, ou Sumrrá na Casa das Crechas na derradeira xornada. Son so algúns dos exemplos dun variado e completo festival que xa ten todos os abonos esgotados. Queda iso si a posibilidade de mercar algunha entrada para concertos individuais, pero nalgúns casos pódense contar cos dedos da man, como é no de Amancio Prada no Auditorio. Unha oportunidade para achegarse a un festival que promove a calidez e a proximidade, así como unha integración na cidade achegándose de xeito coidadoso ao patrimonio tanto no aspecto arquitectónico como no aspecto emocional intanxible, tecendo vínculos con comunidades musicais emblemáticas da cidade.