Fer: «En 84 programas de 'Pasapalabra' gañei máis do que algún investigador recibe durante todo o doutoramento»

Olalla Sánchez Pintos
Olalla Sánchez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O santiagués foise do exitoso concurso tras deixar pegada, tamén pola súa conciencia social e retranca. «Fíxome moita graza a especulación sobre as miñas camisetas», apunta

02 oct 2023 . Actualizado a las 20:32 h.

A temporada arrancou en Antena 3 cunha sorpresa, a eliminación de Fernando Castro (Santiago, 1995), coñecido como Fer, do concurso Pasapalabra tras unha longa presenza de 84 programas que se traduciron nun duelo épico e diario co rioxano Moisés Laguardia polo bote do concurso, converténdose ambos nunha das catro parellas máis competitivas da historia do formato. Un gran nivel que, unido á retranca, á sinceridade e á conciencia social do galego, o afianzou como unha das sensacións do exitoso espazo.

—Ao saír do programa admitiu facer algo que non pensara, revisar comentarios que lle deixaran nas redes. Sorpréndelle o apoio?

—Moito. Agradézoo, aínda que sobre todo me abraiou que a eliminación se vivira fóra cun certo dramatismo. Eu non o sentín así, supoño que porque nos últimos programas acumulaba cansazo. Cando perdín foi curioso porque era eu quen estaba mellor no plató e consolei á presentadora da proba eliminatoria.

—Foi consciente da súa pegada?

—Non creo que callase máis que outros concursantes que duraron un tempo similar, aínda que supoño que se aprecia ter caras novas nun espazo no que se repescan concursantes. Intentei non finxir ser alguén que non son, a pesar da timidez inicial. Si é certo que noto cariño na rúa, que te paran. O outro día en Santiago fíxome graza unha señora, a quen interpretei mal por unha ambigüidade lingüística. Ela díxome que "tiña moitas admiradoras entre as de canas" e sorprendinme ao entender entre as decanas e coñecer só á de Matemáticas. Falaba da xente maior...

—Imaxinara durar 84 programas?

—Para nada. O lóxico é pensar que vas caer ao inicio. Ademais todo depende de detalles, de ir partido a partido. Creo que o máis inusual da miña participación foi que ninguén durara tanto en Pasapalabra sen ter concursado antes noutro programa.

—Que foi o mellor desta aventura, como a define, televisiva?

—Moitas cousas. Ademais da xente á que coñecín, penso que axudei a entreter a persoas que necesitaban distracción. Algunhas mensaxes que recibín falaban diso. Ademais, sobre todo ao comezo, o concurso foi algo para min moi divertido. Ata fixen o que puiden cando tiña que bailar. Como digo: que me quiten o bailado! (ri). A min o vicio por saber palabras chegárame xa de neno, ao ver Cifras e Letras na TVG. De mozo participei no Concurso Hispanoamericano de Ortografía e aí comecei co costume de anotar termos estraños. Curiosamente a palabra máis difícil que acertei en Pasapalabra aprendéraa nese concurso. É lliclla, que é unha manta das mulleres indíxenas.

—Que palabra non vai esquecer?

—Cando me preguntaron por un sinónimo de telele que contivese o «y». Eles tiñan previsto yeyo e eu dixen yuyu. Para os dicionarios de María Moliner e da RAE non vale esa acepción, pero para o Larousse, si. Saltei o sistema!

—Como logra reter tantos termos?

—Creo que a profesión ideal para ser concursante de Pasapalabra é a de estatístico, a miña. É imposible abordar a cantidade de definicións que hai. O importante é realizar unha análise descritiva da serie histórica de preguntas e despois deducir o que pode saír. Ao final, cando se gravaron moitos programas seguidos e eu me notaba máis apagado, foi emotivo ver a xente que se ofrecía a revisar entregas antigas para axudar ou a coñecidos que buscaban preguntas que seguisen patróns. Aínda non vin os programas nos que saio e os do final non sei se me atreverei a velos.

—Como compaxinar a vida de investigador e doutorando en Estatística na USC e nun laboratorio de xenética psiquiátrica co esixente ritmo de gravación?

—Foi unha odisea, sobre todo ao final, cando o cansazo físico e mental era enorme. Teño gravado sen parar, coller un avión para ir a un congreso noutro país e volver para gravar. Agardo ter axudado a visibilizar as precarias condicións dos investigadores, incompatibles con proxectos vitais. Eu do concurso lévome en bruto 42.000 euros, máis do que algún investigador recibe durante todo o doutoramento. Neste tempo escribíronme directores dalgún centro español de investigación dándome as grazas. Aínda así, cando dixen que «un plan a futuro máis sostible era gañar o bote do concurso que a nosa carreira», non pensei que iso se fora a viralizar. Agora escribirei a tese e logo, co gañado, mantereime mentres busco un posdoc en Berlín.

«Fíxome graza a especulación sobre as miñas camisetas»

Xunto ao seu carisma e gran nivel, as camisetas de Fer, nas que apoiaba a causa LGTBI ou defendía o galego, non pasaron desapercibidas, tampouco para Roberto Leal, o presentador de Pasapalabra quen, na súa despedida, quixo recoñecerlle o xesto.

—O certo é que a maioría desas camisetas eu as levo no día a día, porque me gustan esteticamente ou polo que poñen. Moitas aluden a algo de física ou ciencia. Lembro que un día levei unha cunha anotación simbólica moi coñecida en matemáticas, a da definición de continuidade, na que se pon que para todo epsilon existe un delta. Algúns deses símbolos son letras do revés. Fíxome moita graza porque nas redes sociais houbo xente que empezou a darlle voltas ás cousas, a especular sobre a mensaxe que trataba de trasladar de maneira oculta, e non había nada! De todas formas, coas que reivindican o galego si que reconforta poder facerlle un aceno á nosa lingua nun programa no que se promociona outra que xa non o necesita. Ao final ata houbo xente que me enviou camisetas para que as levase, pero eu xa non gravaba...

—Da moita xente que coñeceu, a quen non vai esquecer?

—No trato persoal houbo moitísimas persoas, tanto do programa como convidados, coas que me fixo ilusión ter trato. Un dos grandes foi Fernando Romay, un moi bo tío. De feito, quedei con el antes de gravar o meu último programa. Logo xa lle dixen que onde pon o ollo, pon a bala, porque historicamente el apoiou ás dúas persoas que máis intentaron levar o bote sen éxito ata agora (ri). Alí vivimos moitas anécdotas, varias relacionadas con que sempre se me caía ao chan a petaca onde levaba os micrófonos. Un programa houbo que paralo cando a actriz Belinda Washington intentaba por debaixo da mesa poñerme unha pila que perdera ao caer a petaca e o público ría.

—Recibiu moitos apoios en Galicia trala despedida?

—Creo que aquí a xente pensa que quedei mal animicamente e non me din moito, pero sempre notei apoio, como cando se viu na Aula Magna de Matemáticas da USC o primeiro programa...

—Cre que Moisés gañará o bote?

—Sei que pode facelo e oxalá que si, aínda que todo depende de que as estrelas se alineen...

—Vese de novo no programa?

—Agora mesmo volver a Pasapalabra non é algo no que pense. A curto prazo quizais me vexo máis noutro formato, non necesariamente un concurso, e a medio... quen sabe?