Juan Blanco Valdés: «Os libros dunha universidade son, sen dúbida, o seu buque insignia»

SANTIAGO

O director de Publicacións destaca que a editorial da USC está no top 10 do eido universitario español
17 oct 2023 . Actualizado a las 13:17 h.«Cando falamos de editoriais universitarias parece que falas de algo minoritario, que só editamos tostóns académicos...», comeza a conversa Juan Blanco Valdés (A Estrada, 1960), o director de Publicacións da USC, e intenta desterrar esa idea lembrando, ademais, que son «a editorial máis antiga de Galicia, estamos editando libros desde o século XVII».
—Leva desde o 2010 na dirección, como se transformou desde entón ese trasladar á sociedade o coñecemento da Universidade?
—Foi unha revolución copernicana, un xiro de 180 graos. Nos comezos da década comezou o que se podía definir como unha tormenta perfecta para o mundo do libro. Unha crise económica mundial, unha crónica precariedade de recursos económicos para as universidades e un embate dixital, unha perspectiva dun novo xeito de transferir a cultura no que ademais se xerou un enorme estado de ansiedade nos editores porque todos temiamos perder o tren. Entre o 2010 e o 2014-15, a estrela nas feiras dos libros era sempre o córner dixital, e unha cantidade de empresas ‘.com’, que foron tan numerosas como efémeras. Cal é a realidade de hoxe? Houbo unha evolución fortísima cara a posicionar a edición e a comunicación dixital como un xeito fundamental de solucionar problemas sistémicos da edición universitaria, caso das tiraxes, a loxística, os custos en impresión… A edición dixital solucionou todos eses problemas e posicionou moi ben o que é hoxe a comunicación dixital sen unha dinámica agresiva nin excluínte co mundo impreso. O libro é imposible co substitúa a comunicación dixital. Agora ben, se temos en conta en conta que unha revista a golpe de click está a unha décima de segundo desde Australia a Xapón, Alaska ou Chile, entendemos que os índices de impacto se multiplican.
—Empezou a conversa falando de que hai que desterrar a idea de libros «tostón». Como se combina esa transferencia científica co interese para o público xeral?
—Somos conscientes de que somos unha editorial universitaria. Isto quere dicir que o noso papel fundamental é transferir a investigación e a produción científica que facemos, pero non só iso. Alguén dixo que os editores universitarios editamos para cidadáns críticos, e creo que é efectivamente así. Pero hai outros eidos, non estritamente científicos, senón de pensamento, de cultura..., no que xogamos un papel fundamental. Aí temos a nosa colección de divulgación. Hai non moito publicamos unhas memorias profesionais e académicas de Darío Villanueva, De los trabajos y los días; o ano pasado tamén nos dou unha gran satisfacción o libro do ex presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño sobre a situación de Europa no contexto da guerra de Ucraína, así como o de Ofelia Rey [Un vuelo corto, Premio Nacional de Historia de España]. Un libro como o de Ofelia Rey, é un libro científico? Si, pero é un libro de proxección cultural. Deste xeito, unha universidade non só xera investigación básica, que tamén. Nós temos case 4.000 teses de doutoramento aloxadas no repositorio institucional e un portal de 23 revistas científicas —que é investigación fundamental—, hai manuais, unidades didácticas...; pero a Universidade tamén ten unha enorme masa crítica que xera pensamento, reflexión, argumentación social, movemento crítico... Libros como os de Pérez Touriño, Ofelia Rey ou Darío Villanueva teñen unha proxección que vai máis alá do puro ecosistema da comunicación científica.
—O ano pasado fixeron unha promoción para agasallar libros da Universidade no Nadal, están na Selic... Buscan achegarse á veciñanza compostelá?
—Por suposto. Temos un convenio estable desde o ano 93 co Consorcio e publicamos libros tan populares como Compopstela. Música moderna en Santiago (1954-1978). Tamén participamos en feiras do libro e tentamos ter unha proxección que vai máis alá do científico.
—Por que son tan importantes as editoriais universitarias?
—Porque xogan un papel estratéxico á hora de transferir á sociedade unha idea da universidade. Cando un colle un libro e ve Universidade de Santiago, pensa na universidade no seu conxunto. Os libros dunha universidade son, sen ningunha dúbida, o seu buque insignia. Moitas veces penso —é unha opinión persoal— que os gobernos da universidade en España non teñen a conciencia da importancia das editoriais universitarias. Nos países anglosaxóns onde se adquire máis prestixio publicando é nas universidades, onde é fácil publicar é nas privadas mentres pagues. Aquí pasa o contrario. No SPI [Scholary Publisher Indicators], a USC está no grupo das dez primeiras editoriais universitarias españolas. Por outra parte, custounos sacar ese prexuízo de que as editoriais universitarias non publicaban máis que as cousas dos amigos, non estaban máis que para facerlle currículo aos profesores, sen calidade. Nos temos ítems de calidade moi rigorosos. A publicación universitaria representa case o 10 % da edición española, estamos falando de moitos centos de miles exemplares.
«Publicaremos dúas monografías centradas no empoderamento feminino»
O director da editorial da Universidade de Santiago explica que cada ano publican entre 40 e 45 títulos, tanto en dixitais como impresos. A iso hai que engadirlle entre 15 e 20 volumes de revistas.
—Que novas publicacións prevén?
—Temos previsto un par de libros sobre empoderamento feminino e de estudos sobre a muller moi interesantes. Son dúas monografías que penso serán moi ben recibidas. Unha é Mulleres medievais. Textos e imaxes na lírica galego-portuguesa. Por primeira vez vai poñer o foco na idea das mulleres na lírica galego-portuguesa. É algo ata agora non estudado ou, polo menos, non estudado desde ese punto da perspectiva de xénero. Este é un libro que conta coa colaboración da Xunta e está coordinado pola catedrática da USC Esther Corral e outra da Universidade de Campinas (Brasil). E despois temos unha monografía da catedrática de Historia Medieval María Luz Ríos que se titula Mujer, vida y memoria en la Compostela medieval. Trata fundamentalmente de mulleres de alto linaxe que querían perpetuarse e deixar un punto na memoria da cidade. Tamén estamos cunha monografía moi actualizada e con datos moi reveladores sobre a inserción laboral da mocidade en Galicia en relación aos estudos que realiza. Temos outro título sobre a edición de textos xacobeos, Más allá del Calixtino. Ademais, dentro da colección de divulgación científica, publicarase un texto moi potente: Sangre, sexo y poder. La genética de la consanguinidad humana. E despois temos a xoia da coroa —a colección de Clásicos do Pensamento Universal en galego, que dirixe Darío Villanueva e financia a Fundación BBVA—, onde temos en perspectiva algúns títulos potentes, entre eles, un do escritor palestino-estadoudinense Edward Said, Orientalismo, que conta coa colaboración de dous exreitores: Darío Villanueva (prólogo) e Juan Casares (tradución). É un texto de 1978 que vai cobrar rabiosa actualidade polos acontecementos recentes.
—Cales son os retos inmediatos como editorial?
—Aumentar o noso papel como transferidores de coñecemento na acreditación do noso persoal investigador. Por outra parte, seguir incrementando o valor xa non só da produción científica, senón da reflexión cultural que fan as universidades en coleccións de ensaio, en estudos de xénero, en temas actuais... Trátase, neste caso, de pulsar as demandas da sociedade e ir aliñados co que á sociedade lle interesa.
«Estase xerando unha nova cultura da acreditación científica e iso ten consecuencias nos editores»
Da importancia da editorial universitaria falan os seus números. «Temos máis de 50 coleccións e 23 revistas científicas publicadas nun portal dixital, con acceso aberto nativo, das máis variadas temáticas, nunha tecnoloxía de comunicación dixital que ten como formato de saída pdf, xml e html. Dalgunha maneira, estamos non só na liña do que hoxe se fai na comunicación dixital máis esixente, senón na vangarda desa comunicación», afirma Juan Blanco Valdés. En canto ao acceso aberto, o responsable de publicacións lembra precisamente como a Aneca, a Axencia Nacional de Acreditación da Calidade Científica, está «impulsando dun xeito importante a acreditación da investigación en termos de calidade e non de cantidade. Non se trata de canto publicas, senón da calidade. Iso aféctanos dunha maneira fundamental. Ata agora as axencias de acreditación valoraban cando os libros tiñan ISBN, isto quere dicir que eran libros comerciais. Iso en si mesmo é unha falacia, porque un libro pode ter un ISBN e vender 100, vender 10 ou non vender ningún». Agora, o novo decreto, lembra Blanco Valdés, establece dun xeito importante a presenza dos resultados da investigación en repositorios institucionais ou de acceso aberto.
Como lle vai afectar esta cambio aos editores universitarios? «Estase forxando unha nova cultura da acreditación da investigación e iso ten consecuencias para os editores universitarios. [...] Cada vez estará máis valorado que un artigo ou unha contribución estea en acceso aberto», responde Juan Blanco Valdés. Ao respecto, apunta que «entre un 35-40 % da nosa produción está en acceso aberto, unhas compartindo co libro impreso e outras de acceso aberto nativo».