Jaione Camborda: «Emocióname que a xente de Santiago sinta como propia a Concha de Oro»

SANTIAGO
A directora de cine vasca, gañadora do Festival de Cine de San Sebastián co seu filme «O Corno», afincouse en Galicia hai 13 anos: «Cheguei e atopei un paraíso nesa Compostela cultural, nocturna e un pouco 'gamberra'»
12 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Sostén que é agora, tras dous meses intensos nos que asistiu á estrea mundial en Toronto do seu filme O Corno, gañou con el o Festival de Cine de San Sebastián e «acompañouno» en coloquios por distintos, e repletos, cines galegos, cando comeza a ter «as horas de sono prudentes». «Nin tiven tempo aínda de colgar o cartel da película no local da miña produtora, no barrio de Sar», recoñece Jaione Camborda, a directora vasca de 40 anos afincada en Santiago dende hai trece. «Foi unha voráxine, pero estou feliz. Para min foi significativo gañar o premio en Donosti, onde nacín, cun filme en galego e escrito nesta cidade tan inspiradora», sinala, poñendo en valor a diversidade.
«O meu pai é peruano, miña nai é catalá. Cando eu era adolescente, e nun entorno máis convulso en Euskadi, esa cantidade de nacionalidades si que me puideron parecer un quebracabezas, pero ao pouco souben da súa riqueza», expón, sen perder de vista a profesión. «De nena ía a un festival no que miña nai facía un calendario para poder ver tres películas ao día. Eu, acabada de chegar a Santiago, fixen o mesmo en Cineuropa. Cadraba datas para non perder ningún filme e intercambiaba as miñas anotacións con amigos cineastas», rememora sorrindo, admitindo, aínda así, que a súa vocación foi tardía.
«Achegueime ao cine aos 20 anos, mentres estudaba Comunicación Audiovisual, e namorei del nas escolas de Praga e Múnich, onde me formei . Para o traballo fin de carreira escribín un guion, Arima, que é o xermolo, unha vez chego a Galicia, do que sería o meu primeiro filme», destaca, aclarando ese traslado. «Foi por amor aínda que, tras tanto tempo no estranxeiro, precisaba enraizar e esta terra lembroume á miña. Sentinme como na casa», recalca.
«Descubrín un Santiago vivo, nocturno, un pouco gamberro, cheo de xente con inquedanzas e boa tertulia. Pareceume un paraíso, ademais de pola súa beleza, por ter tanta cultura pese ao seu tamaño», encadea. «O casco histórico, onde viviamos moitos dese eido e no que aínda resido, era como unha zona en ebulición, na que nos iamos atopando, tamén en tabernas, que xa desaparecen», lamenta. «Lembro que cando escribín xunto ao director e amigo Alfonso Zarauza o filme Os Fenómenos, despois do traballo e para seguir falando do guion, iamos moito á tasca O Quitapenas, preto da zona monumental», sinala divertida. «É fundamental coidar a vida cultural, lograr, cun turismo sostible, manter un ecosistema para que os veciños sintan a cidade como súa», afirma, apelando a unha autenticidade que ela aínda atopa en Sar.

«Esta zona, onde montei a produtora Esnatu Zinema para poder autoproducir os meus filmes, garda o carácter de barrio. Aquí coñecémonos todos os veciños e vémonos a diario, tamén en bares como A Chantadina. Nestas rúas consérvase tamén unha importante comunidade de creadores que dá calor», realza, apuntando que algún veciño si lle trasladou a súa sorpresa porque o filme vencedor da Concha de Oro se ideara nel. «Nada máis gañalo, proxectamos o filme en Santiago, no festival Curtocircuíto. Ver o auditorio cheo de xente querida, da que recibín un agarimo tan forte... foi espectacular», asegura agradecida, aludindo ao seu poderoso filme O Corno, sobre unha matrona perseguida por practicar abortos na Galicia de 1971, un autoral canto á sororidade e á maternidade.
Aínda que celosa da súa intimidade, revela que ten dous fillos ao influír a súa experiencia en partes cruciais do filme. «Fun nai na terceira versión do guion; iso permitiume reescribir a escena inicial do parto», salienta a directora, a primeira muller en gañar en San Sebastián e cun filme en galego. «Con erros, pero desde o inicio atrevinme coa lingua; saquei en pouco tempo o Celga 1. Iso si, non esquezo a vertixe cando a falei por primeira vez en público en Cineuropa», lembra rindo, mentres reflexiona sobre a importancia dos festivais. «Eses eventos foron un punto de unión para os cineastas galegos. Creouse unha comunidade de creadores que propoñíamos un cinema comprometido», razoa.
Mentres «rumia» o seu seguinte proxecto, amósase contenta. «Emocióname que a xente de Santiago, ao verme xa de aquí, diga que sente o premio como propio», resalta.