Unha cidade é un ente que concilia a competencia de cada individuo e as súas carencias coa vida en comunidade. A sociedade construímola no fogar, no traballo, no tránsito polas rúas, as prazas e os bulevares. O ser humano é un ser social que comparte e colabora, e a cidade é a expresión máxima desa condición.
Se a cidade é unha causa común porque nos necesitamos uns aos outros, non pode ir cadaquén ao seu, sexa un veciño ou un gremio, apropiándose dalgún xeito dunha parcela que considera propia, nin tampouco a gobernanza da cidade pode ser un sumatorio de intereses. É o lugar compartido, o acordo na diferenza, a coherencia na mestura, o compromiso no conflito. A cidade casa mal coa simpleza e a segregación.
Cada época elabora as súas formas de convivencia e tamén as súas preferencias de tránsito. Por iso é primordial acordar entre todos un rango de prioridades. As demandas ocupacionais do espazo público cambian coas horas do día, teñen distintas dimensións e os transeúntes somos diferentes: non é o mesmo unha persoa maior ca un rapaz, unha muller ca un home camiñando de noite, a carga e descarga có transporte público, o coche cá bicicleta ou o patinete.
Abordar o tema da mobilidade con rigor obriga a poñer sobre a mesa toda a serie de elementos que concorren para vinculalos e acomodarse ás Xeografías de Santiago, que tratamos nun artigo anterior, á súa forma de ser, o seu segredo.
O desafío que representan arestora os problemas de circulación no sector sur require relacionar o funcionamento do sistema hospitalario e as súas ampliacións, a humanización do Milladoiro, os plans de estradas autonómico e estatal para esta área, o proxecto municipal de carril bici e o da senda ciclista da Xunta, a funcionalidade do engarce da AP-9, a «rehabilitación» da ponte da Rocha e a súa continuación pola Choupana, as liñas de transporte…
Na medida en que se logre combinar todos os factores que inflúen no contorno próximo será posible dar unha resposta sostida a medio prazo e, a partir de aí, reconsiderar o papel do periférico no tramo que vai da glorieta da Volta do Castro a Romero Donallo e empezar a pensar na rehabilitación da ronda histórica. Claro que isto esixe o concurso das catro administracións competentes.