O vehículo é inherente á nosa civilización móbil. A súa utilidade é incuestionable, pero ocupa demasiado espazo para un transporte individual, pesa moito e aínda contamina. A mobilidade do futuro inmediato ten que afrontar estes condicionantes porque o dimensionado das vías de circulación é limitado, non cabemos todos ao mesmo tempo e, amais, segmentar as rúas segundo o tipo de usuarios pode levar ao absurdo e estorbar as pautas de urbanidade que aínda adoitamos practicar.
Por iso vimos insistindo na necesidade de marcar prioridades para transitar: maiores, nenos, persoas con discapacidade, peóns en xeral, transporte público, bicis e patíns motorizados, que non son inocuos, carga e descarga…, sempre respectando a velocidade que marca a vixente lei de tráfico nas vías urbanas.
Santiago é unha cidade pensada para andar e usar un autobús eléctrico, pequeno, frecuente, limpo, con tarifas segundo a renda, puntualidade dixital e adaptado para os usuarios con problemas de mobilidade. A cidade ten a forma idónea para establecer liñas circulares co obxectivo de achegar os barrios ao centro histórico e o Ensanche e viceversa, salvando desniveis; así, a medida que se vaian implantando, poderase ir acoutando a circulación na ronda histórica a residentes, mercado, colexios, e impedir que sexa unha vía de paso en dous sentidos, moitas veces ocioso.
Unha hipotética liña circular podería cubrir o percorrido desde a praza de Galicia pola Fonte de Santo Antonio-Ensinanza, Valle-Inclán, San Roque, Basquiños, San Caetano, Rodríguez de Viguri, Hórreo, coas opcións de subir por Romero Donallo cara a Rosalía de Castro ou pola rúa de San Pedro e os Concheiros… Outras rutas coordinadas poderían englobala e complementar a rede radial das parroquias.
A plataforma loxística de distribución de mercadorías queda lonxe, pero é necesaria para diminuír a tonelaxe dos vehículos de reparto, que para funcionar de forma eficiente poden achegarse ás illas de parada da cidade histórica nun horario convido: Praza de Galicia, Fonterrabía, Rodrigo de Padrón, Xoán XXIII, Basquiños, Concheiros, Cruz de San Pedro, Valle-Inclán, San Roque, Algalia de Abaixo, Carretas…, entre outras, ou entrar cun horario máis acoutado no Toural, Feijoo, Santo Agostiño, Praterías, etc. Mentres se implanta o novo sistema, as partes afectadas poderían necesitar apoio.
A tecnoloxía ten que servir para resolver os problemas, non para lanzar ideas tan luminosas como efémeras. En poucos anos, as rúas serán plataformas preferentemente peonís, vexetadas e filtrantes, onde terán cabida o coche colectivo para transportar pequenos grupos sen aparcar no centro e o dron, que xa se está fabricando para persoas e mercadorías. A xornada laboral vaise axustar de luns a xoves e o tráfico reducirase tres días á semana. É obrigado ir por diante dos cambios que chaman á porta.