Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Óscar Hermida, xerente da Fundación USC: «O plan do 2024 é potenciar a imaxe e visibilidade da USC cara a sociedade»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Defende a integración que arrancou no 2019 e que permitiu aumentar persoal e os servizos ofertados

17 dic 2023 . Actualizado a las 19:34 h.

Óscar Hermida asumiu a xerencia da Fundación USC no 2011. Dende aquela, a entidade mudou, pasando de xestionar só a actividade deportiva ata sumar 255 traballadores. O seu rol no funcionamento interno da Universidade medrou de maneira exponencial a partir da covid. Foi nese intre no que todos entenderon que certos servizos externalizados podían pasar á fundación, que segue asumindo retos coa mirada posta no futuro.

—Como cambiou a entidade dende a súa chegada?

—Constituíuse no 2007 e comezou a funcionar no 2008. Naceu para prestar a actividade deportiva, ata que a finais do 2019 mudáronse os seus fins fundacionais e pasou a ter un carácter máis xeral. A partir diso recibimos os encargos da xestión da USC para executar actividades instrumentais. Adaptáronse os estatutos e pasamos a ser un medio propio. Coa pandemia tivemos o primeiro encargo, o que fixo que aumentara o noso volume de actividade e de traballadores.

—Que actividades?

—Seguimos mantendo a actividade deportiva, a prestación do servizo e a súa dinamización; pero o primeiro encargo que asumimos coa pandemia foi coa oficina covid que creou a USC, ca que colaboramos subministrando o material aos centros. A partir de setembro do 2021 asumimos tamén o servizo de limpeza. Foi relevante, tanto polo volume de traballadores como no económico. Agora xa está completamente consolidado e optimizado, e conseguimos que a calidade non diminuíse. Conta con 200 traballadores. A finais do 2022 asumimos o servizo de reprografía, copistería e edición dixital, que dá servizo a tódolos centros e que é imprescindible. A finais do 2022 tivemos o último encargo, co que creamos unha área de proxección institucional e imaxe. O fin é darlle maior relevancia a todo o patrimonio da USC. A raíz diso afrontamos a xestión das tendas, a máis relevante, a do Pazo de Fonseca; e tamén a xestión do museo da Domus do Mitreo, en Lugo, que está dentro da muralla. Temos unha oficina de congresos e eventos, que dá apoio á organización destas xornadas. Contamos cun programa de visitas guiadas, orientado ao patrimonio da USC, sobre todo focalizado na zona histórica, como é a reitoría, o Pazo de Fonseca ou a Facultade de Xeografía e Historia. Quédame unha unidade de servizos informáticos que dá apoio a certos procedementos e aplicacións que a Universidade precisa no día a día.

—Enténdese que a Universidade busca a través da Fundación externalizar cada vez menos servizos.

—O que se busca é facer unha xestión eficiente dos recursos económicos que temos. Pretendemos que a calidade do servizo mellore e se manteña dende dentro da propia institución.

—Para o ano que vén, que teñen en mente?

—O plan de actuacións que presentamos para o ano 2024 recolle esas seis grandes actividades. Entre elas esa potenciación da área de proxección institucional. O plan do 2024 é potenciar a imaxe e visibilidade da USC cara a sociedade, non só na comunidade universitaria, senón a nivel de Galicia e máis alá.

—No eido social e deportivo teñen o campus de verán.

—É unha actividade propia da Fundación USC, que leva xa 16 anos, 16 edicións nas que se busca a conciliación familiar e laboral durante a época estival cando non hai colexio. Ofertamos actividades de ocio, tempo libre, deporte... todo no campus sur. Xuntamos cada ano a uns 500 inscritos. É algo moi consolidado, que vén dende o inicio da entidade. Está aberto á comunidade universitaria, pero tamén ao resto da sociedade. Nese aspecto, resérvase un número de prazas para a xente de fóra.

—Como avanza o proceso de integración?

—Agora somos sobre 250 traballadores. Partimos dun número moitísimo menor e en Galicia non creo que haxa unha fundación do sector público ou privada que teña este volume de traballadores. Estamos bastante satisfeitos. A evolución está sendo boa. Os traballadores están adaptándose. Viñan de diferentes entidades e fomos sumándoos segundo marcaba a normativa.

«O sector privado ten as súas cousas, pero a xestión do sector público pode ser eficaz e boa»

—Sempre se debate que a xestión pública é menos eficiente que a privada, que opina?

—Nós creo que melloramos os servizos que integramos e falo polos datos que temos. Creo que non se trata de papá ou mamá. O sector privado ten as súas cousas, as empresas teñen que existir, pero a xestión do sector público pode ser eficaz e boa. A integración para nós supuxo un esforzo, pero buscamos que as persoas saian afectadas en positivo. Vendo os nosos datos, non só económicos, cremos que estamos acadando unha xestión eficiente coa que se cumpren os obxectivos. No caso da Domus do Mitreo melloramos as cifras de visitantes. É un museo pequeno, pero non sei se haberá moitos similares. Atópase debaixo da terra. Visitárono unhas 25.000 persoas. Na integración estamos acadando un impacto positivo.

—Por exemplo?

—Estamos satisfeitos do camiño que levamos feito nestes últimos catro anos. Ao persoal dáselle outra estabilidade, xa que os procesos que seguimos son os que marca a lexislación das institución públicas. Entre o persoal detectamos que nunha medida moi alta están satisfeitos co cambio.

—Que retos cre que deben asumir nun medio-longo prazo?

—O reto do futuro é terminar o proceso de integración, que as unidades cumpran as expectativas e que se mellore a prestación dos servizos. Temos enquisas internas que nos din que o retorno é positivo, tamén por parte dos usuarios. Queremos darlle maior visibilidade a todo, ás tendas, aos museos ou que a oficina de congresos penetre máis na comunidade universitaria para que saiban que existe un servizo que pode mellorar e axilizar certas xestións. E nós, como entidade, queremos seguir cun traballo transparente e claro co que a Universidade saia beneficiada.