Xavier Freire Chico: «Non podemos padecer un turismo devastador que descaracteriza a cidade»

Manolo Fraga SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

Avoga por reequilibrar o modelo económico e implicar máis á Universidade

08 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Acredita unha intensa traxectoria profesional e vital. Francisco Xavier Freire Chico (Santiago, 1969) é licenciado en Historia da Arte, un apaixonado da música, empresario de hostalaría e un defensor a ultranza das identidades santiaguesas: «A diferenza doutras cidades, o cosmopolitismo de Santiago, a integración de tantas sensibilidades, dache unha característica xenuína. Somos unha urbe feita por moitos, pero só uns poucos coñecen todas as capas da cebola, a intrahistoria da cidade. Cantos saben que fomos unha potencia industrial de curtidos ou de almacéns de coloniais no século XIX? Mesmo hai persoas en altos cargos que descoñecen a cidade». No fragor da conversa, Freire fai memoria de que no s. XX Compostela era unha cidade de cregos e médicos, e que nos últimos corenta anos só houbo un reitor —Suárez Núñez— e dous alcaldes —Marcial Castro e Xerardo Estévez— nacidos en Santiago.

Logo de sinalar que o último proxecto de cidade foi o Plan Especial da Cidade Histórica que se fixo nos anos noventa, para Freire hai tres claves de futuro: «Non perder a perspectiva de que esta cidade é e existe polo seu casco vello. É a capital de Europa na Idade Media a raíz das peregrinacións ao sepulcro do Apóstolo. En segundo lugar, a cidade ten que reequilibrar o seu modelo económico. Non podemos padecer máis un turismo devastador que descaracteriza a cidade, converténdoa nun soporte de tendas de recordos. E finalmente urxe procurar un pacto entre a cidade que vive da hostalaría, a que camiña cara a industrialización e o concurso da USC, formando persoas que acheguen coñecemento ás empresas de aquí». E teima na oportunidade que hoxe ofrece o biopolo construído na Sionlla para «seducir» á industria farmacéutica e facer de Santiago o Silicon Valley da biotecnoloxía. «Espero que esta cidade poida vivir mil anos máis, pero sen perder comba como nos últimos tempos. Pensemos no que era Santiago no 2000 e no que é na actualidade. Os últimos vinte anos son para reflexionar. A sociedade civil ten que participar máis», advirte o empresario compostelán criado no número 17 da Rúa do Vilar, onde hoxe está o concorrido café da familia Airas Nunes.

«Acabamos de facer trinta anos e sempre quixemos ser unha cafetería á compostelá, un local de faladoiro onde lle poidas tomar o pulso á cidade, segundo dixo o alcalde Estévez. Para min é un orgullo que Elisardo Temperán (cóengo da Catedral) ou Mayer (ourive) tomen café aquí ás oito da mañá. Este establecemento fíxose para a xente de Santiago, pero sen pechar a porta aos turistas», segundo suliña Freire, mentres o local se enche con clientes propios e alleos. De feito, nunha mesa próxima toma café a alcaldesa, Goretti Sanmartín. Pero este compostelán inquedo ten outra paixón: a música. Foi neno da Escolanía da Catedral con Nemesio García Carril, alumno do Conservatorio Histórico —onde fixo ata 5º de piano— e membro do Orfeón Terra A Nosa do padre Feijóo. Con vinte e poucos anos e outros estudantes do Conservatorio creou Schubertiada, unha asociación para formar músicos, «toda unha novidade a principios dos noventa e autofinanciada », advirte, unha entidade na que empezaron o compositor santiagués Fernando Buide ou o anterior director da Banda Municipal, Casiano Mouriño, tal como engade. Con motivo daquela singular iniciativa, Xavier lembra como este mesmo xornalista lle fixera a súa primeira entrevista. Ademais de tocar a guitarra española e eléctrica, Freire dirixe o Coro Crecente, que naceu antes da pandemia, e hoxe integran vinte voces graves. «Estas festas fixemos ou participamos en dez concertos. Nunca houbo tantos coros na cidade. Cómpre seguir cultivando esta actividade, que é unha riqueza impresionante», segundo indica.

A conversa de café compostelán iniciouna falando de súa nai e finalízaa falando de súa filla, así que lle pregunto pola importancia que teñen as mulleres na súa vida: «Uff, mujeres, como cantaba Silvio Rodríguez. Son as que nos marcan o compás. Ao menos a min». Sempre afinado este Xavier!