Leilía: «A despedida é dura, pero non podemos saír por unha porta máis grande»

La Voz

SANTIAGO

Sandra Alonso

O grupo fai un chamamento para que o público leve pandeiretas ao seu derradeiro concerto

12 ene 2024 . Actualizado a las 22:44 h.

Sábado • 20.30 horas • Auditorio de Galicia • Entradas esgotadas Do concerto do ano 92 na praza de Cervantes ao de mañá sábado no Auditorio de Galicia. Desas pandeiretas que eran toda unha sorpresa nos escenarios a un momento no que tamén escriben en letras douradas o presente da música galega. Leilía di adeus despois de 34 anos. Felisa Segade, Montse Rivera, Merchi Rodríguez, Patricia Segade, Ana Rodríguez e Rosario Rodríguez ofrecen mañá o seu derradeiro concerto e pechan un círculo «orgullosas do que fixemos», apunta Felisa Segade, xa que a música das pandeiretas «volve a estar no pobo».

 

Para este derradeiro concerto, as integrantes de Leilía anuncian sorpresas. E deron algún avance. Haberá unha exposición, así que recomendan ao público que acudan con tempo. Neste espectáculo de «Anque me vou, non me vou» mesturarán temas dese último traballo, «Vidas cantadas», con outros que se converteron en especiais tanto para o público como para as propias compoñentes da agrupación ao longo destas máis de tres décadas de vida. E para o colofón daranlle protagonismo á pandeireta. «Despois de dignificala, o que queremos é inundar o Auditorio de pandeiretas xa que queremos facerlle unha foto rendéndolle unha homenaxe a un instrumento que era de diario e agora xa é de palco, de escenario e de proxección de futuro», afirmou Ana Rodríguez.

Sandra Alonso

Antes de este adeus aos escenarios, as integrantes de Leilía pasaron polo pazo de Raxoi, onde volveron a soar as súas pandeiretas e voces, nunha recepción coa alcaldesa, Goretti Sanmartín, e coa concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao. A rexedora lembrou que este grupo foi «pioneiro para a música galega» apuntando que lle deron «dignidade ao que as mulleres tocaban e cantaban». Deste xeito, apuntou que se hoxe hai grupos como Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra é polo traballo precursor de Leilía, unha formación «que é unha parte grande da nosa cidade».

Precisamente, a ese labor feito aludiron as compoñentes de Leilía que actuaron como portavoces. «Fixemos un traballo que era necesario para o país. Un traballo de recuperación, de dignificación, de dar a coñecer un legado que estaba no esquecemento», destacou Ana Rodríguez, por momentos moi emocionada. Nese sentido, indicou que «vai ser unha despedida difícil, dura, pero o mellor que estamos vivindo agora é ese apoio incondicional da xente, o arroupo... Non podemos saír por unha porta máis grande. Marcharnos así énchenos de orgullo, estes días estamos medrando».

Con anterioridade, Felisa Segade lembrara que se trata dunha decisión «consensuada e meditada desde hai tempo». Indicou que o adeus responde a que «non nos gusta traballar a correr, senón con pouso». Iso si, apuntan que, pese a ese adeus aos escenarios, Leilía seguirá presente. «É unha renuncia moi grande a que imos facer. Vainos custar deixar os palcos, a enerxía do público, pero marchamos contentas sabendo que o noso labor está feito e que seguen a nosa estela», engadiu Ana Rodríguez. Nese sentido, apuntan que «Leilía marcha dos palcos, pero quedan os discos, os recordos, as fotos... Leilía seguirá viva sempre que nos teñades no corazón».