Un millón de metros cadrados

Xerardo Estévez e Alfonso Salgado COMPOSTELA EN DEZ PASOS (VIII)

SANTIAGO

14 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando percorremos a cidade de leste a oeste xogamos ao escondite, aparece e desaparece mentres se sobe polos outeiros e se baixa ás valgadas. Para entendela ben necesítase unha interpretación desde a arquitectura, camiñando pola ruta que marca o sol mentres vamos seccionando imaxinariamente rúas, prazas e grandes fábricas monumentais, Belvís, Santo Agostiño, Antealtares, a Catedral, Raxoi, San Frutuoso…, e preguntándonos como foron resolvéndose eses desniveis.

A ronda histórica do nordeste, a Fonte de Santo Antonio e a Virxe da Cerca, segue claramente as trazas da muralla, onde aínda resoan as pisadas de tempos idos, mentres polo suroeste unha confluencia de rúas e prazas abraza o centro histórico seguindo tamén o trazado da muralla a poñente. Partindo da Porta Faxeira, continúa por Rodrigo de Padrón, a Trindade e Raxoi e, antes de enlazar con Carretas, sobre a mesma cerca, se encontra co propio Pazo de Raxoi. Esta complexa malla de vías lousadas foi recuperando nas últimas décadas a súa vocación peonil e permitindo o pleno desfrute da visión do patrimonio andando polo medio das rúas, o que debería levar a reconsiderar o xeito de enfrontarse á rehabilitación do rueiro histórico, non forzosamente todo petrificado.

Partindo deste entramado, as rúas das Hortas e Entrerríos baixan ata atoparse con Galeras, que comunica os campus norte e sur, froito dunha decisión urbanística que, daquela, sinalaba o seu uso preferente de tránsito xuvenil desfrutando das ribeiras do Sarela como antesala do Pedroso. É un itinerario adecuado para unha liña circular de transporte público que salve o desnivel do Pombal e comunique coa zona alta de San Roque.

Tense dito con certa lixeireza que as relacións entre cidade e Universidade foron distantes, pero a realidade, desde a Exposición Rexional de 1909, demostra o contrario. O emprazamento dos campus e a incorporación da finca de Vista Alegre foron decisións moi importantes para conurbar cidade e universidade en algo que bautizamos como Universidade. Esa aposta pola centralidade expresa o bo facer urbanístico das dúas institucións en liñas xerais e ten un valor incalculable en comparación con aqueles campus que están excéntricos, como noutras cidades galegas.

A améndoa da cidade histórica e os dous campus forman unha alfombra de máis de un millón de metros cadrados que descende desde a cota da Porta da Pena deica o Sarela, limitada, contraditoriamente, por dúas vías cheas de tráfico. Se se quere resolver os problemas de mobilidade no interior monumental, ten que abordarse en primeiro lugar a eliminación dos tráficos ociosos para converter a ronda histórica e Galeras en dous bulevares e protexer así o patrimonio e mellorar a calidade de vida. É dicir, tomar primeiro decisións políticas de mobilidade e logo afrontar a arquitectura do espazo público.