A peza, con libreto de Otero Pedrayo, chegará este domingo ao Auditorio de Galicia
19 ene 2024 . Actualizado a las 04:50 h.Domingo día 21 • 19.00 horas • Auditorio de Galicia • Gratis previa retirada de convites • Onte cumpríanse 96 anos da estrea en La Habana da ópera galega «Miñados de vran», unha zarzuela galega coa música do mestre José Fernández Vide e libreto de Enrique Zas. Desde aquela só se volvera a representar unha vez máis, en 1959 en Ourense, nesa ocasión con libreto de Ramón Otero Pedrayo despois de que se perdera o primeiro. Agora, 65 anos despois chega a súa reestrea nunha produción impulsada por Amigos da Ópera de Santiago de Compostela que reunirá en escena á Banda de Música Municipal de Santiago, ao Coro Liceo de Vilagarcía, un cadro composto por 25 actores e actrices e os Troyanos de Compostela. En total, a produción que poderá verse hoxe en Vilagarcía e o domingo no Auditorio de Galicia mobilizará 135 persoas entre artistas e técnicos.
«Trátase dunha zarzuela escrita en galego seguindo o ideario das Irmandades da Fala. Está en galego, pero tamén aparece o castelán porque está asociado o idioma á categoría social [...] Vai sorprender a calidade do libreto, o vestiario e a variedade dialectal», asegurou Javier Jurado, musicólogo e investigador de zarzuela galega que recuperou esta peza.
«É unha zarzuela a nivel artístico brutal», afirmou David Fiuza, director da Banda Municipal de Santiago e tamén responsable musical do proxecto, engadindo que se trata dunha peza coa música de Vide e o libreto de Otero Pedrayo, dúas figuras de referencia en Galicia no seu ámbito. É por iso que animou ao público a acudir ao concerto, ao igual que o fixo a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, durante a presentación do proxecto en Santiago. Tamén incidiu no traballo de recuperación do patrimonio musical galego, así como Na colaboración entre diferentes entidades para levalo a cabo. Na presentación en Santiago tamén participaron Benigno Amor, en representación de Troyanos de Compostela; Tamara Casás, membro do Coro Liceo de Vilagarcía; e Jesús Couceiro, presidente de Amigos da Ópera de Santiago.
Tres actos
A montaxe, dividida en tres actos, conta con 30 personaxes con texto e con 13 composicións musicais, entre coros, dúos, solos e intervencións do coro. Como solistas estarán as sopranos Patricia Rodríguez e Tamara Casás, os tenores Diego Neira e José Prado e os barítonos Gabriel Alonso e Julio Cores. A preparación prolongouse seis meses. David Fiuza encargouse da dirección musical; José Álvarez, da escénica; Josefa Dorado, da Coral, e Sergio Rodríguez, dos arranxos.
A acción de «Miñatos de vran» desenvólvese nunha vila galega de pescadores e labradores no noroeste de Galicia, posiblemente inspirada en Ribeira, lugar de vacacións para os señoritos —os «miñatos»—, e nas rúas de Santiago, onde van estudar os señoritos da vila. Nela nárrase a difícil historia de amor dun mariñeiro, Manuel, namorado en segredo da bela Maripepa, tamén pretendida por Carlitos, veraneante madrileño, e por Eduardo, señorito da vila e estudante de Medicina. Aínda que agora se poderá ver en Santiago e en Vilagarcía, o presidente de Amigos da Ópera apuntou que lle gustaría levala a máis localidades, especialmente a Ourense.