Manuel Arias: «O neurólogo ten que ser cartesiano, kantiano e utilitarista, nesta orde»
SANTIAGO
O doutor do Clínico de Santiago foi membro fundador do grupo de cámara da USC e tocou con Milladoiro
26 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Foi o número un da súa promoción, 1973-79, cando na Facultade de Medicina entraban mil estudantes en primeiro. Manuel Arias Gómez, (Cenlle, 1954) é neurólogo vía MIR e, desde 1998, xefe de sección no Hospital Clínico Universitario de Santiago. «A esencia dun individuo é o cerebro, onde residen moitas facultades propias da especie humana. Aí están o amor, odio, linguaxe, memoria, etcétera, tal como afirmaba Hipócrates 400 a.C; fronte ao que dicía Aristóteles, que as funcións cognitivas e emocionais están no corazón», explica o doutor Arias, que tamén é profesor asociado na facultade. Entre as patoloxías frecuentes, destaca os avances no párkinson, terapéuticos e cirúrxicos; así como nas enfermidades cerebro-vasculares, xa que a medicación trombolítica e as técnicas de recanalización cambiaron o seu prognóstico, suliña.
«O neurólogo ten que ser primeiro cartesiano —desconfiar de diagnoses previas—; logo, kantiano, porque os conceptos de espazo e tempo son fundamentais; e, finalmente, utilitarista, ou sexa non hai que facer cousas que non serven para nada», segundo sostén o especialista, que máis parece ser un filósofo. De feito, houbo un tempo en que o doutor Arias coordinaba o grupo de humanidades e neurohistoria que ten a Sociedade Española de Neuroloxía. «Hoxe en día discutimos se os bos alumnos de Medicina deben saber moita química, bioloxía e estatística, ou posuír saberes máis humanísticos. Eu estudei o bacharelato no Seminario de Ourense, alí aprendín latín, grego, historia, e afeccioneime a escribir. Hai neurólogos que fixeron despois carreiras como Filosofía ou Historia», advirte Arias, que publicou artigos científicos de moita sona como o referido á neuroloxía do éxtase.
A neuroloxía é a ciencia capital das especialidades médicas, sostén. «A ti poden transplantarche a cabeza? Non», sentenza. «É moi atractiva, unha especie de relixión, por iso sempre vou contento a traballar», confesa, mentres revela algún testemuño de pacientes. «Véñolle porque teño falta de morrer», díxolle unha señora. «Tras saber que súa nai falecera de alzhéimer e logo de facerlle os tests correspondentes, díxenlle que unha parte da súa cabeza, a que regula as emocións, tiña o temor de que lle pasara o mesmo que á súa nai», relata o médico, que leva 44 anos vendo enfermos.
Pero Manolo Arias ten tamén, ou tivo, unha vida artística, que logrou compaxinar coa súa profesión sanitaria. «Cando era residente estiven dous anos tocando as frautas con Milladoiro. Gravei con eles o disco Berro seco. Daquela no grupo eramos un psicólogo, un psiquiatra e un neurólogo. Aparte de complicidade, tiñamos moitas diverxencias teóricas», expresa. Pero, ademais, Arias é membro fundador con Carlos Villanueva do grupo de cámara da Universidade de Santiago, onde estivo case vinte anos e participou na gravación de seis discos. De senllas experiencias, garda viaxes por España, Europa e América, así como moitos aplausos e boas lembranzas. «Pasámolo moi ben. Pero creo que son máis neurólogo que músico. Son máis de hemisferio esquerdo, por iso falo tanto. Eu fun tocar con Milladoiro cun par de ensaios, porque tiña moi boa base de solfeo e piano», di con naturalidade este home «peculiar», recoñecido por el, e extraordinario conversador.
«Non me arrepinto de nada, as cousas saíronme ben e ti pensa que a miña muller e eu somos de extracción humilde. A vida é para vivila e gozala e, aos netos, direilles que se acheguen a persoas das que poidan aprender», conclúe Arias. A final de ano espéralle a xubilación no hospital, pero manifesta a súa intención de seguir coa consulta privada. Talentos así non se poden perder!
Premio nacional da SEN. A Sociedade Española de Neuroloxía outorgou ao doutor Arias, antes da pandemia, o premio nacional de enfermidades neurolóxicas pola descrición e seguimento dunha doenza nova en pacientes de Borneiro (Cabana de Bergantiños), chamada ataxia da Costa da Morte. Trastorno do equilibrio, xordeira e dificultade para articular a linguaxe son os síntomas principais desta patoloxía xenética.