Santiago entona o «Grândola» 

SANTIAGO

Xoán A. Soler

Centos de persoas, que tamén portaban caraveis, reuníronse na praza da Música para interpretar a canción de Zeca Afonso

25 abr 2024 . Actualizado a las 23:06 h.

Un caravel vermello na man, agarrados de ganchete e balanceándose lixeiramente de lado a lado. Así se dispuxeron os varios centos de persoas que este xoves se achegaron á praza da Música para poñer voz ao «Grândola, Vila Morena» de Zeca Afonso coincidindo co 50 aniversario da Revolución dos Caraveis de Portugal.

«Trátase que sexa emotivo e que sintamos o que estamos cantando», detallou Ramón Bermejo, encargado de dirixir este gran coro popular de voces mixtas, nas que se mesturaban desde a rapazada ata persoas con varias décadas as súas costas. E así foi a interpretación: emotiva e sentida.

De pouco importou que a chuvia comezase a facer acto de presenza. «Grândola» volveu a resoar moi preto de onde o fixera por primeira vez no ano 72 na voz de Zeca Afonso. «Non foi unha casualidade, senón que aquí había ese movemento estudiantil que cría nas mesmas cousas, na liberdade, na camaradería e na fraternidade», lembrou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, ao abrir o acto.

Con anterioridade, era a USC a que lembraba o aniversario coa presentación na Facultade de Filoloxía do libro «Abril na Galiza», que está coordinado por Carlos Pazos-Justo e Roberto Samartim. Nel recóllense testemuños de persoas que viviron en directo o levantamento militar do 25 de abril do 74 en Portugal, como foi o caso do militar de orixe galega Manuel Durán Clemente, un dos capitáns que levaron ás rúas a revolución. Este xoves tamén acudiron a Filoloxía o músico e médico Rui Pato, que contou a súa experiencia cando nos anos 60 acompañaba a Zeca Afonso, e Adriano Correia de Oliveira, que repasou as súas vivencias como médico militar que estivo nas rúas de Lisboa nesa data. A USC continuará as súas actividades conmemorativas do 25 aniversario da Revolución dos Caraveis o 7 e o 8 de maio, con mesas redondas e charlas.

E ademais

«Abril é un país»

19 horas • Sede de Afundación (Rúa do Vilar, 19) • O Ateneo dálle continuidade este venres á lembranza da Revolución dos Caraveis coa presentación do libro «Abril é un país» (Kalandraka) da xornalista Tereixa Constenla, quen estará acompañada hoxe por Pilar Sampedro, e Xosé Ballesteros. O traballo rescata momentos descoñecidos ocorridos na mañá do 25 de abril combinando a investigación documental e a entrevista a protagonistas.