Santiago reaviva a voz de Luísa Villalta: «Sempre apostou pola cultura galega»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Actos institucionais, lecturas e unha exposición homenaxearon á escritora

17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Andei por Santiago / pisando estrelas». E onte Luísa Villalta, a homenaxeada no Día das Letras Galegas, volveu á cidade na que estudou. Fíxoo en recitais, actos institucionais e nunha exposición. Todo elo reavivou a súa voz, o seu legado, pero tamén serviu para reivindicar o uso da lingua galega, esa pola que a autora traballou sempre, tal e como lembraba a súa irmá, Susana, durante a inauguración da exposición A memoria dos sons na Biblioteca de Galicia. «Sempre apostou pola cultura de Galicia e traballou para que a nosa lingua e literatura avanzasen», afirmou.

O Concello de Santiago sumouse á conmemoración do Día da Letras coa lectura por parte de membros da corporación dunha declaración institucional na que reafirmaban o compromiso a prol do uso do galego. Luísa Villalta tamén foi protagonista no pazo de Raxoi. «Foi unha muller referente», incidiu a alcaldesa, Goretti Sanmartín, mostrando o seu desexo que despois deste ano a autora «sexa moito máis recoñecida e moito máis lida». Alumnado do IES Rosalía de Castro, así como Marga Romero e Esperanza Mariño, especialistas na obra da homenaxeada, puxeron voz aos seus versos. Ao acto, tamén asitieron representantes do tecido asociativo, cultural e comercial de Santiago.

Acto académico na USC con motivo do Día das Letras
Acto académico na USC con motivo do Día das Letras PACO RODRÍGUEZ

Tamén a Universidade de Santiago conmemorou as Letras Galegas. Fíxoo nun acto no que se lle rendeu homenaxe á poeta coruñesa coa presentación da publicación Escribir para quen. Relecturas posíbeis de Luísa Villalta, que foi coordinada por María Xesús Nogueira Pereira e Montse Pena Presas. O director do departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás, resaltou que a poeta era unha «muller que se preguntaba por que os homes non nos len» e que foi unha mestra de «espírito crítico». A todo iso sumouse a música de integrantes da Agrupación de Cámara da Orquestra da USC e unha lectura de textos poéticos. Ao remate interviñeron o conselleiro de Cultura, José López, que incidiu na «entrega total a Galicia» da homenaxeada e o reitor, Antonio López. Este último leu o poema que Villalta escribira en homenaxe a Palestina. Precisamente, antes deste acto, alumnado trasladou a Fonseca as súas mostras de rexeitamento ao «xenocidio palestino».

A Biblioteca de Galicia inaugurou unha mostra dedicada a Luísa Villalta
A Biblioteca de Galicia inaugurou unha mostra dedicada a Luísa Villalta Sandra Alonso

Por outra banda, a Biblioteca de Galicia inaugurou a mostra dedicada a Luísa Villalta na que aborda as distintas facianas da escritora a través de 62 pezas. Entre publicacións, imaxes e distintos documentos, hai algúns singulares, como un currículo feito pola autora en 1987 que forma parte do expediente de solicitude dunha bolsa de formación e perfeccionamento musical para os integrantes da Xove Orquestra de Galicia. As seis vitrinas recollen a súa biografía, a súa faceta reivindicativa, a súa vinculación coa música, na que se pode ver a súa participación na banda sonora dun filme, así como espazos dedicados á poesía, ao teatro e á narrativa.

Recital en El Corte Inglés
Recital en El Corte Inglés Xoán A. Soler

Por outra banda, El Corte Inglés organizou o recital Micro Aberto, onde reuniu a escritoras e escritores e persoeiros do mundo cultural para poñerlle voz a obras en galego. Entre as persoas participantes estaban Marilar Aleixandre, Carlos Labraña, María Solar e Rosalía Morlán.