Reivindicación pola lingua, foliada e concertos marcarán o Día das Letras en Santiago e a súa área
SANTIAGO
O Casino compostelán agasallará con libros aos seus clientes
17 may 2024 . Actualizado a las 04:55 h.O Día das Letras Galegas terá tanto compoñente festiva como reividicativa en Santiago. Esta última poñeraa a manifestación de Queremos Galego!, con saída ás 12 horas da Alameda. Nesta ocasión, o lema será «Galego vivo, Galiza viva». Deste xeito, a plataforma volve a centralizar na capital galega a reivindicación.
Por outra banda, hoxe o Casino súmase ao Día das Letras regalando libros entre os clientes coa iniciativa «un café + un libro». Tamén se une á celebración a Catedral cunha mostra de documentos escritos en lingua galega pertencentes a cregos vinculados á basílica. Entre os destacados atópase a panxoliña en galego máis antiga representada en Galicia, do ano 1790.
Pola súa banda, a asociación Centro Cultural Mahía organiza a primeira edición de A Carballeira das Letras en Bugallido (Ames). Comezará ás 12 horas cun obradoiro sobre Luísa Villalta. Ás 13 horas séguelle un concerto de violíns e voces a cargo do dúo Trevo, coa colaboración dun grupo de violíns da Escola Municipal de Música de Ames, e un recital da Coral Polifónica de Bugallido. Despois, haberá un xantar na carballeira e foliada. O broche pono un concerto a partir das 18 horas a cargo de Uxía Trío, o grupo liderado por Uxía Senlle, e a actuación das amienses As Maianas.
Haberá máis música. A Casa de Rosalía, en Padrón, programa un concerto de Lucía Aldao (20 horas); en Arzúa, actuará o grupo Zoelas (Casa da Cultura, 19 horas), e en Toques terá lugar o festival folk pola lingua a partir das 13.30 horas, que incluirá a actuación de Mondra. Pola súa banda, Melide acollerá unha ofrenda floral no cemiterio municipal de O Castelo aos escritores e intelectuais máis destacados. En Dodro, presentan a obra vencedora do Premio Lorenzo Baleirón (17.30 horas).