Compostela non é un territorio que agarime moito as súas xentes en vida; recoñecer o traballo ben feito cústalle e dicilo, amosalo e manifestalo aínda máis. Pero hai intres nos que compre facelo, por decencia, por xustiza, por xenerosidade; o que estamos a vivir nestes días co trato que está e recibir Moncho Fernández, adestrador do Obradoiro, precisa unha mobilización cívica, que as xentes de Santiago recoñezan o seu traballo.
Durante trece anos, cun labor intelixente, firme, eficaz, o adestrador foi quen de manter a equipa de baloncesto da cidade na máxima categoría, conseguindo que o Obradoiro simbolizara tódolos valores positivos do deporte; transmitiulle ilusión a varias xeracións da mocidade de Santiago, que vibraban e sufrían en Sar en cada partido na casa, ou tiñan a orella pegada a radio, ou os ollos postos na televisión para saber do xogo e do resultado do partido cando tocaba xogar fóra.
O Obradoiro foi e será moito máis que unha equipa, foi un embaixador de referencia para a capital da Galiza por todo o estado nas diferentes ligas da ACB nestes trece anos, sempre cun orzamento dos máis reducidos e sobrios a respecto das outras equipas da súa categoría.
Por iso e moito máis, compre agora erguer unha onda cívica para Moncho, un recoñecemento polo seu traballo, pola súa fidelidade, polo seu agarimo deportivo a esta cidade a través da equipa de baloncesto.
Si, Moncho, Compostela ten unha débeda contigo e as débedas compre pagalas, ti soubeches darlle azos, pórlle ás o Obradoiro para encestar máis e mellor, afouteza para que a equipa nunca se rendera e agora a cidade debe dicirche. GRAZAS POLO TRABALLO BEN FEITO, por permanecer no Obradoiro catorce temporadas.
Na Pontepedriña sabemos, polas nais e avoas, o que é axudarse, apoiarse, agarimar as persoas cando o precisan, mesmo se calan e non o piden... Pois agora, Moncho, mereces que Santiago cante contigo e para ti o Miudiño no Multiúsos do Sar, para que por sempre gardes no teu ánimo e no teu corazón a pegada das xentes de Compostela.