Castriz e Xallas gañaron as súas ligas da Costa e o feminino a Copa. Os presidentes, José Luis Carreira «Pince» e Sergio Prego «Doro», e a capitana Luchy serán os encargados de inaugurar a festa este venres
28 jun 2024 . Actualizado a las 17:02 h.Faltaban catro xornadas para rematar as ligas da Costa cando á SD Castriz e o Xallas FC cantaban o alirón coma campións. Os dous equipos sénior de Santa Comba asinaron unha tempada espectacular en Segunda e Terceira Galicia, respectivamente. Este 28 de xuño, os seus presidentes, José Luis Carreira, Pince, e Sergio Prego, Doro, xunto con Luchy, a capitana do Xallas feminino, lerán o pregón dos festexos de San Pedro.
Para o Castriz foi a súa segunda Liga da Costa. Dirixidos polo técnico, Miguel Chouza, gañaron 22 dos 26 partidos de Liga, encaixando só dúas derrotas, nos feudos do Mazaricos e o Porteño, e dous empates. A primeira vez que gañaron un campionato regular foi no curso 1999/2000. Os números mostran unha gran superioridade sobre o resto de equipos, tanto que ao segundo quitáronlle dezanove puntos. O Castriz organiza a comezos de agosto o seu clásico torneo de fútbol-7 os días 2 e 3 dese mes, no campo de San Pedro. A inscrición pode formalizarse no bar Cataliño. O gañador embolsarase 1.200 puntos.
O encargado de ler o pregón por parte do Castriz vai ser o seu presidente, José Luis Carreira, máis coñecido por Pince. «Estamos moi agradecidos á comisión de festas porque foi unha tempada para enmarcar, por números e o gran ambiente vivido entre xogadores, técnico, directiva e afección», sinala un Pince que recoñece que non se lle dá moi ben o de falar en público: «Farémolo o mellor posible», apunta, ao tempo que anima a toda a xente a que se achegue ao pregón. Sobre a próxima campaña, confirma que apostan pola continuidade do grupo «con tres ou catro fichaxes que xa temos avanzados, pero non imos tolear. Queremos competir o mellor posible e se temos que baixar de novo a segunda tampouco vai pasar nada», afirma.
Un histórico reiventándose
O Xallas, pola súa banda, nin tan mal. Renunciou a saír en Primeira Galicia por falta de cartos e houbo de reinventarse: «Medramos moitísimo como club en canto a licenzas de xogadores e temos equipos A e B en todas as categorías. Loxicamente os resultados foron bos e queremos seguir por este camiño, apostando pola xente da casa e intentar en dous ou tres anos dar o salto para deixar ao Xallas de novo en Primeira», afirma o seu presidente e capitán, Sergio Prego, Doro, que se mostra moi optimista cara o futuro «pois hai moitos xuvenís que deben axudarnos no sénior e o futuro márcano eles, se lles gusta xogar e competir pois van ser os que teñan que tirar do equipo».
O ascenso a Segunda División galega do Xallas feminino demostra, segundo Doro, «o moito que medrou o fútbol feminino en Santa Comba. Está facéndoo a pasos axigantados, conseguindo logros importantes como a Copa da Costa na súa primeira participación, a pesar do difícil que é conseguir rapazas que xoguen, e tanto Eloy como Rupper están facendo un traballo inmenso», precisou. Na Liga remataron nunha espléndida novena posición.
O presidente quere seguir xogando porque «mentres o corpo e a idea de adestrar e competir sigan intactas, vou a intentar axudarlle aos rapaces a facer o Xallas un pouco máis forte e, se podemos, deixar ao equipo onde o collemos, na Primeira Galicia». Doro agradece o traballo da directiva e colaboradores, sen o cal non poderían sacar adiante o club.