Santiago abre a porta do galego a máis de 50 persoas chegadas de 20 países
SANTIAGO
![](https://img.lavdg.com/sc/YBLjGNvyFws72Qnf2sW2tNaePA8=/480x/2024/07/03/00121720027502459243807/Foto/SL4C5F1_19249.jpg)
Algúns repiten experiencia por terceira vez e piden volver para o ano
04 jul 2024 . Actualizado a las 22:07 h.Máis de medio cento de persoas procedentes de Europa, Asia e América participan en Santiago nunha nova edición do curso Galego sen fronteiras. Recibirán durante un mes clases teóricas e prácticas de lingua e cultura galega e asistirán a outras actividades, como un taller de iniciación ao baile galego, encontros de fraternidade en Bonaval ou unha excursión á cidade de Lugo. «O bonito destes cursos é que tedes unha oportunidade de encontro multicultural a través do galego», trasladoulle este mércores aos inscritos o académico e catedrático da USC, e director do programa, Henrique Monteagudo, no acto de presentación na Facultade de Filosofía.
Non todos os concorrentes chegan a Galicia e ao curso por primeira vez, senón que moitos deles repiten. «Algún xa está no terceiro ano e pide volver», asegura Monteagudo, quen lamenta que non poidan acudir máis persoas por culpa da infraestrutura e de que cada ano sexa «máis difícil e caro o aloxamento». É unha oportunidade para abrir vías de investigación en lingua, lingüística e cultura, segundo a directora do Instituto de Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández Rei, testemuña de como algunhas das persoas que asistiron noutros anos son agora «profesores ilustres, tradutores e nomes coñecidos do ámbito profesional». No marco do proceso formativo, escoitarán a experiencia de Berta Dávila de escribir e editar libros, así como as reflexións doutros rostros da literatura e da filoloxía como Rosalía Fernández Rial ou Lourenzo Fernández Prieto, entre outros.
O programa organízao a Real Academia Galega, que colabora co ILG e coa USC e recibe o apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta. Pola súa parte, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, expuxo que a «alegría disto» é que os alumnos van marchar «namorados». «Espero que do país, das culturas, da xente e espero que entre vós tamén», adiantoulle Freixanes aos asistentes, antes de asegurar, sen dar apelidos, que máis dun «prendeu na silveira» e asentou aquí.
![](https://img.lavdg.com/sc/YGTjh0B7or2lmtnFUFZTynS3TYE=/480x/2024/07/03/00121720027741720194345/Foto/SL4C5F5_192736.jpg)
«A miña avoa tivo que emigrar»
Fernando (Ciudad Real) tiña sete anos cando escoitou falar en galego á familia da súa avoa, de Santalla de Lóuzara. El fálao desde o ano pasado, cando debutou no curso. Non deu máis clases ca esas, pero comezou a ver contido nas redes en galego, como @olaxonmario e @pradorua, e a escoitar música das Tanxugueiras e Fillas de Cassandra.
![](https://img.lavdg.com/sc/HlSpLBttypaxAWinIcZ5sL5vpkE=/480x/2024/07/03/00121720027682003904223/Foto/SL4C5F4_192659.jpg)
«Tento traducir do galego ao checo»
Alois (República Checa) facía un Erasmus en Vigo cando escoitou por primeira vez falar en galego a un profesor. «Aínda que non entendía ben, gustoume moitísimo o estilo de falar. Interésame a lingua galega en xeral, a súa cultura e tradicións como o entroido e as meigas». Alois estuda tradución e espera chegar a traducir do galego ao checo.
![](https://img.lavdg.com/sc/ba-7UqVwP1LoVmzhYH8iDpD8liM=/480x/2024/07/03/00121720027622196822592/Foto/SL4C5F3_192625.jpg)
«Gústame coñecer novas culturas»
Justyna (Polonia) coñeceu o galego cando era nena e estudaba español. Comezou a aprendelo hai dous anos na Universidade de Varsovia, que conta con clases de lingua, cultura e literatura galegas. «Gústame a cultura e as persoas de aquí. Son moi simpáticas e moi abertas», di. Repite experiencia por segundo ano consecutivo no programa.
![](https://img.lavdg.com/sc/FUD5IYdvI-n7UCRyTmjAACm_H7A=/480x/2024/07/03/00121720027621952176789/Foto/SL4C5F2_192542.jpg)
«Aprendo galego para a miña tese»
Luan (Brasil) escoitou o galego por primeira vez a un compostelán que acudía cun programa de mobilidade ao Brasil no 2022, cando lle ferveu a curiosidade pola lingua e polas cantigas trobadorescas. Agora, acode ao curso co fin de aprender galego e entrevistar a falantes para a súa investigación na Universidade de João Paulo II.