Irmáns Couceiro: «Todo mudou, pero anima ver que os veciños de Santiago aínda veñen ata Cervantes pola libraría»

SANTIAGO
Pablo e María están á fronte da emblemática Libraría Couceiro, que nun xullo de hai 17 anos trasladouse a un edificio enteiro do casco histórico. Dende alí falan de que como lles afecta o turismo. «Nós sentímonos da rúa de San Pedro, onde meu pai abriu o negocio hai 55 anos», afirman
07 jul 2024 . Actualizado a las 08:09 h.Atenden, sempre cun sorriso, nun inmoble histórico da Praza de Cervantes, que en xullo de hai 17 anos converteron en sede da Libraría Couceiro. Aínda así, tanto Pablo como María, fillos do fundador, Xesús Couceiro, considéranse, «de alma», da rúa de San Pedro. «Foi alí, no número 61, onde meu pai abriu en 1969, hai 55 anos, o negocio, que nun primeiro momento era tamén papelería e aínda se dedicaba a libros de texto. Nós viviamos preto, en Bonaval, e iamos ao colexio onde agora está o Museo do Pobo Galego. De cativos, as nosas vacacións de verán era ir a feiras por toda Galicia. Mentres os adultos vendían libros, nós xogábamos», lembra Pablo, de 54 anos. «Xa de maiores, nos 90, tamén iamos fóra. Unha vez estivemos 15 días cunha caseta nas Ramblas, en Barcelona, na feira na que máis libro galego vendimos na nosa historia», engade María, de 51 anos, aludindo ao eido no que rapidamente foron referentes.
«Meu pai entendeu que a libraría debería especializarse. Centrouna na literatura en galego, en intentar promover a nosa cultura, sobre todo tras trasladala en 1975 á República do Salvador, no Ensanche», realza Pablo, quen, tras comezar Historia, aos 22 anos xa traballaba en Couceiro.

«Era unha época efervescente, con presentacións de libros, incursións editoriais, como a publicación de facsímiles de obras de Castelao, ou a venda de discos. Nesa época toda unha planta da tenda centrábase na música. Alí teñen asinado vinilos desde Perales ata María Jesús e o seu acordeón», evoca Pablo, mentres ensina un álbum cheo de recordos. Nunha foto, na que se ve a María de nena, está na libraría Ramón Martínez López, un dos fundadores do Partido Galeguista. «Vivía preto e todas as semanas viña buscar caixas, pero era para meter os libros que tiña na casa», rememoran con cariño. «Outro recordo que gardo é o dun neno de tres anos, que sempre viña, e unha vez regaloume un cuadernillo que fixo na gardería, e que teño. Trinta anos despois, e aínda que vive fóra, cando volve, vén comprar libros», agradece Pablo.
«En 1983, nunha reforma, os discos cambiáronse polo libro vello, o hobby do meu pai e no que sempre rebusca. El ata atopou, mentres se queimaba nunha eira, unha documentación asinada polo arcebispo Xelmírez, que agora está no Arquivo Histórico Universitario», resaltan. «El desfruta co traballo, e incluso agora, xa xubilado, vén a diario a Couceiro ás 08.30 horas. Tennos controlados», rin.
Tras abrir, primeiro no Franco e logo no Hórreo, unha libraría de segunda man, no 2007, e despois de ter que deixar o alugueiro do da central, todo o negocio confluíu en Cervantes, nun edificio de cinco plantas dedicados a libros. «Aquí temos 40.000, pero os nosos fondos exceden dos 150.000», anotan. «O do inmoble foi unha inversión brutal, pero xurdiu a oportunidade e os dous tiñamos claro que queriamos seguir», sosteñen. «Non esquecemos o acto de apertura. O edificio abarrotado de xente; a praza chea... Notamos moito cariño dos veciños», acentúan, poñendo en valor a última etapa. «Facemos varias presentacións de libros á semana e, tamén por parte dos autores, sempre con resposta. Os colexios veñen moito. Na quinta planta, nun obradoiro, explícaselle aos nenos cómo se fan os libros, e encántalles», sinala María, quen, tras iniciar Filoloxía, formouse en encadernación. «Seguimos editando, en Edicións do Cerne, onde temos o título que, xunto ao de O Principiño, é que máis sae na libraría, La casa de la Troya. Aí a nosa xoia é o facsímile da Carta Geométrica de Galicia de Domingo Fontán», comentan, sen poder evitar contrapoñer etapas. «Ao chegar aquí chamáronos tolos por vírmonos a unha praza denigrada, con edificios en ruínas, pero, para nós, era moi da xente de Santiago, a nosa gran clientela. Agora todo mudou tan rápido... A falta de comercio botouna de aquí. Para os turistas somos máis un punto de información. Con todo, alenta ver que moitos veciños aínda veñen adrede a Cervantes pola libraría. Resistimos, pero nin sabes se te poderás xubilar aquí e a nosa idea era a continuidade, ata coa seguinte xeración», apunta María, pensando sempre en familia.
«De luns a sábado traballamos xuntos e o domingo comemos, e imos ao Obradoiro. Os Couceiro somos como unha seita», bromean.