Unha placa lembra a figura do doutor Sixto Seco na que foi a súa casa na Rosaleda
SANTIAGO
«Adicou a súa vida a Galicia e á súa cultura», suliña a súa filla Marié no peche da homenaxe en Santiago
18 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«Agustín Sixto Seco (1926-2004). Médico e valedor da cultura e lingua galegas». Así reza a placa a carón do busto en bronce do escultor José Molares no que foi fogar en Compostela deste doutor que transcendeu o seu exercicio profesional (foi presidente da Sociedade Española de Traumatoloxía, un dos fundadores do Policlínico A Rosaleda e membro da Escola Médica Compostelá) para ser un galeguista infatigable, que presidiu o Padroado Rosalía de Castro e a Fundación Otero Pedrayo, integrante do Consello da Cultura Galega, da Fundación Penzol ou da Editorial Galaxia, entre outras actividades dun currículo inabarcable. Por iso xente do mundo da cultura, da medicina e das institucións acompañaron onte á súa familia na confluencia das rúas Ourense e Antonio Casares, no acto de recoñecemento impulsado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística. O seu responsable, Xaquín Monteagudo, subliñou a súa personalidade singular e excepcional, cunha gran defensa da lingua e da cultura galegas, que o fan merecente de integrar a memoria colectiva sobre a que apuntalar a identidade do pobo galego.
Seguiron o acto a súa irmá Lucha, as súas fillas, xenros, e moitos dos seus netos e sobriños. En nome de todos, a súa filla Marié agradeceu a homenaxe ao seu pai «por ter adicado unha vida a Galicia e á súa cultura, e por ter integrado a Galicia e a galeguidade na súa vida cotiá», formando parte «dun tempo irrepetible, dun grupo de persoas moi dispares no pensamento político pero que quixeron poñer todas as mans no mesmo timón para a integración de Galicia e o galego na vida oficial e privada de cada quen». Cun sentido «Viva Galicia!» pechou un acto no que interviron tamén Goretti Sanmartín, Miguel Santalices, Valentín García, Antonio López e Flora Miranda.