Ames adianta o Día de Galicia e homenaxea a Borja Golán

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

O deportista agradeceu o recoñecemento e o apoio do Concello

24 jul 2024 . Actualizado a las 05:05 h.

Ames ten o costume de adiantar a celebración do Día de Galicia para que a súa veciñanza poida repetir a festa o 25 de xullo. Así, mantendo o pazo da Peregrina como escaparate institucional, a súa corporación reuniuse para facer Galicia e tamén para darlle unha medalla a un dos veciños máis coñecidos, Borja Golán, xogador de pádel que ten un palmarés que fai del o mellor xogador deste deporte da historia de España, con 17 campionatos nacionais e dous europeos.

A actriz e bailarina Marta Alonso Tejada e mailo grupo Mounqup amenizaron o acto, presentado pola actriz e creadora Carlota Mosquera e no que falaron os portavoces dos grupos políticos e o alcalde.

En orde decrecente á representatividade, comezou Luísa Feijoo (EC), que citou a Rosalía de Castro e a Manuel María facendo referencia á emigración. «Galicia, e tamén Ames, somos as súas xentes, persoas coma nós». Escarlata Pampín (BNG) defendeu para Galicia «un futuro no que a riqueza e a produtividade do noso país se poña ó servizo dos galegos e das galegas, un futuro no que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto de vida aquí e non teña que emigrar».

Oliva Agra (PP) falou de Galicia como «un pobo que se caracteriza polo seu esforzo, constancia e traballo». «Se somos o que somos hoxe en día é grazas ao esforzo dos nosos país e avós e que fai que os galegos sexamos tan valorados en calquera parte do mundo», engadiu. A quenda de portavoces rematouna Víctor Fernández (PSOE), que centrou o seu discurso en destacar a traxectoria vital e profesional de Borja Golán, ao que agradeceu que espallase o nome de Ames e Galicia polo mundo enteiro.

O alcalde, Blas García (PSOE), pechou as intervencións falando do valor da medalla do Concello, que «significa recoñecer valores tan importantes como a solidariedade, o emprendemento, o sacrificio, o traballo en equipo, a humildade, o respecto, a tolerancia, a honestidade ou a responsabilidade».

Borja Golán recolleu a medalla dicindo que «é algo moi especial» e agradeceu o apoio recibido polo Concello, destacando tamén a importancia que Ames dá ao deporte». A solemnidade do himno galego pechou o acto.